PontevedraViva Radio, unha oferta consolidada
Por Alejandro Espiño
Permitídenos que falemos un pouco de nós mesmos. Tras cumprir en 2017 cinco anos de vida, PontevedraViva renovou o seu compromiso de traballar día tras día para ofrecer aos nosos lectores toda a información local, dunha maneira áxil, constante, directa e fiable. A este obxectivo sumouse, hai ano e medio, PontevedraViva Radio.
Foi un ano de consolidación para a oferta radiofónica de PontevedraViva co compromiso de seguir apostando por unha programación alternativa e diferente á doutras emisoras convencionais. Sen esquecer, en todo caso, o seu notable acento pontevedrés.
2017 comezou coa incorporación de Radio CERNA, o programa sobre ecoloxismo e natureza que produce a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), que tres veces por semana trasládanos toda a información ambiental de Galicia.
Nos últimos meses do ano PontevedraViva Radio estreou un novo programa de produción propia. Trátase de La transición, presentado por Óskar Cruz, un laboratorio cómico que analiza a vida millennial desde un punto de vista mordaz, ácido e moi divertido.
O reforzo da programación, tanto propia como allea, continuará en próximos meses.
Ao longo deste ano, PontevedraViva Radio recibiu a primeira visita que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, realiza a un medio dixital en Galicia. Puidemos escoitalo nunha entrevista no programa Cara a cara, que cada semana, volveu a dar voz a numerosas personalidades da vida política, social, cultural ou deportiva da cidade.
Así, por este espazo pasaron, entre outros, a xornalista Sonsoles Ónega, o director de cine Matías Piñeiro, a cantante Sés, o libreiro Cano Paz, o escritor Manuel Lourenzo, o preparador físico José Luis Torrado, a subdelegada do Goberno Ana Ortiz, o novo presidente de AJE, Pablo Fernández, ou o pintor Manolo Moldes, nunha das súas últimas entrevistas.
Tamén foi un ano intenso en La trastienda, que non só atendeu de forma prioritaria á actualidade do Pontevedra CF ou da SD Teucro, senón que se abriu a outros clubs e deportes que se practican en Pontevedra como rugby, fútbol sala, baloncesto ou tríatlon.
En Conversas na Ferrería seguimos debatendo sobre asuntos de actualidade, ofrecendo numerosos puntos de vista, entre outros, sobre o quince aniversario do Prestige, sobre os incendios, sobre o consumo de alcol por parte de menores, sobre os trámites de adopcións ou a paternidade, sobre Eurovisión ou sobre as terrazas da hostalería local.
A Playlist foi, de novo, un dos programas máis seguidos. Grazas a el, coñecemos dunha maneira máis íntima -e musical- a personalidades como David Amor, Xabi Fortes, Julia Varela, Carmela Silva, os cociñeiros Pepe Vieira e Jorge Olleros, Meli Fandiño, Ana Isabel Vázquez, Ana Pontón, Evaristo Portela ou os alcaldes de Marín, Bueu e Vilaboa.
A estes programas e ao espazo de superación persoal Dale la vuelta, sumáronse os espazos de produción allea que emite PontevedraViva Radio. A actualidade chega da man de La Cafetera e Carne Cruda, a música achégaa A Altas Horas, entramos no mundo do cómic con Metrópoles Delirantes e Radio Escaparate demóstranos o talento que existe no campus universitario de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O campus de Pontevedra renova o seu "escaparate" radiofónico
Por Redacción |
-
RADIO.- Marzo chega con novo programa a PontevedraViva Radio: "Sangre fucsia"
Por Redacción |
-
RADIO.- Chega "La transición" a PontevedraViva Radio
Por Redacción |
-
RADIO.- Feijóo ve a Lores "agotado": "Se acertamos co candidato poderíamos gobernar"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Radio CERNA, ecoloxía e medio ambiente en PontevedraViva Radio
Por Alejandro Espiño |