Sanxenxo adxudica obras de saneamento e abastecemento valoradas en case 90.000 euros
Por Redacción
Os técnicos do Concello redactaron unha serie de proxectos para a mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga en varias zonas do municipio e o goberno local acaba de adxudicar a Espina y Delfín catro destas obras valoradas en 88.900 euros.
A primeira actuación será no Paseo de Silgar, xa que un tramo das redes urbanas de auga e saneamento de residuais esgotou a súa vida útil de funcionamento e atópase nun estado precario que provoca continuas avarías, cortes na subministración e fugas, facéndose necesaria a substitución. Esta actuación será levada a cabo cun orzamento de 45.600 euros. O prazo de execución será de 3 meses.
No depósito do Revel vaise realizar un by-pass, cun orzamento de 16.900 euros. Esta actuación permitirá unha mellora do servizo, podendo "escoller" o lugar de abastecemento de auga que se considere máis adecuado en cada momento, é dicir, do río Lerez ou do Umia.
A terceira das adxudicacións é a substitución da rede de saneamento de auga na Avenida dos Loureiros, en Portonovo. O motivo que define a necesidade desta obra é o mesmo que para o paseo de Silgar. E é que a rede existente atópase completamente deteriorada o que supón continuos cortes e avarías. Para esta, establécese un prazo de execución de dous meses, cun orzamento de 16.400 euros.
E, por último, pero non menos importante vai acometer unha prolongación da rede de abastecemento de auga na Costa, Dorrón, cun orzamento de 9.800 euros e un prazo de execución dun mes.
Na actualidade existen varios puntos do termo municipal que carecen do servizo básico de abastecemento de auga. Un destes puntos é A Costa, Dorrón. É intención do goberno levar a cabo todas as actuacións necesarias para dotar aos diversos puntos que a día de hoxe non dispoñen deste servizo dunhas infraestruturas en condicións.
Así a execución destes e de futuros proxectos permitirá a mellora dun servizo tan básico como é o saneamento e o abastecemento de auga.
Relacionadas:
-
A renovación do servizo de subministración e abastecemento de auga en Sanxenxo supera o último trámite
Por Redacción |
-
A rede de abastecemento de auga de Sanxenxo chegará ata Padriñán
Por Redacción |
-
Sanxenxo ultima proxectos de saneamento e abastecemento de auga valorados en 184.700 euros
Por Redacción |
-
Espina y Delfín instalará un colector de saneamento na zona de Mourelos
Por Redacción |