Os traballadores de Elnosa chegan a un acordo coa empresa e desconvocan a folga
Por Oskar Viéitez
A asemblea de traballadores de Elnosa acordou por maioría absoluta nunha asemblea celebrada na tarde deste mércores asinar o preacordo alcanzado polo comité de empresa coa dirección do Grupo CUF (propietario da electroquímica) e desconvocar a folga indefinida prevista a partir deste xoves 4 de xaneiro.
O presidente do comité de empresa, Avelino García, sinalou que "esta plantilla non merece o sufrido ata agora, hai xente que se vai a quedar tirada. Nós tentamos con este acordo que saian o menos prexudicados".
O preacordo alcanzouse na reunión mantida este mércores no hotel Galicia Palace, na sexta das reunións de negociación do ERE extintivo na cloreira.
Avelino García informou que nesta última negociación "a postura da empresa cambiou radicalmente" con respecto aos anteriores encontros e que "o talante da dirección é outro" despois do plante e a ameaza de folga. Unha situación á que "por parte dos traballadores non queriamos chegar" pero que "a situación do día anterior forzounos a isto".
"Despois de moito debater" coa dirección da empresa o comité conseguíu salvar importantes escollos na negociación referidos ás indemnizacións por despedimento ou ás novas condicións de traballo e salarios que se ofrecen aos traballadores que seguirían mantendo a relación laboral con Elnosa.
En canto aos días de indemnización por despedimento, para os 16 empregados que deixarán a empresa agora e outros 17 previstos para agosto, "e para calquera persoa se a empresa pecha máis adiante", Avelino García informou que "as indemnizacións serán sobre este ano 2017 e as pactadas por nós agora". O comité entendía fundamental esta cuestión ante a diminución nas nóminas de quen queda na empresa, debido ao cambio de sistema de produción.
"Creo que é un bo acordo aínda que evidentemente é unha pena porque se vai a quedar xente na rúa", di Avelino García
No preacordo tamén se pactou unha prima de produción fixa, ata agora era variable, estimada nuns 170 euros "dependendo do escalafón segundo o posto que cada persoa desempeñe". "Evidentemente os que quedan van perder algo pero non o que estaba exposto que era 70 euros de prima de produción", engadiu.
As persoas que teñan menos de 58 anos serán indemnizadas por 33 días con 21 mensualidades en relación ao posto a que desempeñan. Os que teñan máis de 58 anos terán 33 días con 16 mensualidades coa salvedade de que a empresa está obrigada a asinar un convenio de colaboración coa Seguridade Social para todos aqueles traballadores que teñan entre 55 e 63 anos.
"Creo que é un bo acordo aínda que evidentemente é unha pena porque se vai a quedar xente na rúa" valorou Avelino García. O presidente do comité de empresa lamentou que "nos foi imposible negociar a cantidade de persoas" que serán despedidas. Tamén houbo oito persoas que se presentaron voluntarias para deixar a empresa. "Asinamos tamén unha bolsa de contratación para aqueles que queden sen emprego", engadiu.
"Saímos da mellor maneira, pero xa miraremos", concluíu Avelino García.
Relacionadas:
-
O Goberno evita responder a En Marea sobre o futuro de Elnosa na ría
Por Redacción |
-
En Marea esixe ao Goberno de Rajoy información sobre o futuro de Elnosa
Por Redacción |
-
Tirón de orellas da Xunta a Costas para que resolva con celeridade a prórroga de Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Folga indefinida dos traballadores de Elnosa a partir do 4 de xaneiro
Por Redacción |