Conservas Pescamar obtén a certificación de calidade de máis recoñecemento no mundo
Por Redacción
Conservas Pescamar obtivo o Certificado de Calidade IFS Nivel Superior, que outorga a Asociación Española de Normalización e Certificación. Desta forma pode comercializar os seus produtos en calquera país do mundo.
A Certificación IFS é o recoñecemento de calidade de maior importancia mundial e concédese pola calidade, transparencia e eficiencia nun mercado internacional.
Este martes 9 ás 12.00 horas, nas instalacións de Conservas Pescamar en Poio, desenvolverase o evento no que a Asociación Española de Normalización e Certificación dará a coñecer esta confirmación institucional coa presenza da directora xeral da empresa conserveira, Lupe Murillo; o responsable de desenvolvemento de negocio AENOR Galicia, José Rodríguez Coello; o director de AENOR Galicia, Martín Pita e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, encargado de presidir o acto.
Conservas Pescamar leva máis de medio século de actividade e actualmente atópase no mercado de 40 países xerando máis de 400 postos de traballo directos e indirectos tanto en Poio como na contorna de Pontevedra.