Fiscalía pide sete anos e medio de prisión para un promotor de Vilagarcía acusado de estafa
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para o xoves día 18 de abril o xuízo contra Juan José A.E., un promotor inmobiliario de Vilagarcía de Arousa, de 47 anos de idade, acusado pola Fiscalía dun delito continuado de estafa polo que lle pide unha pena de sete anos e seis meses de prisión.
Segundo o escrito de acusación "con ánimo de obter un enriquecimento ilícito", elaborou un plan e na súa calidade de administrador único da empresa Dissal Desenvolvemento Inmobiliario, concertou diversos contratos de compraventa das vivendas de promoción do Edificio Dissal I, "a sabiendas de que os mesmos nunca poderían facerse efectivos, pois as vivendas foran previamente vendidas a outras persoas".
A Fiscalía sostén que os mencionados contratos de compraventa se formalizaron no domicilio social da citada empresa na localidade de Vilagarcía.
Así nos anos 2005 e 2006 formalizó dous contratos con estas características e en abril de 2009, repetiu a mesma xogada na súa calidade de administrador único da empresa Muro Novo Proxectos e Construcións S.L. Neste último contrato o acusado comprometíase á construción dunha vivenda unifamiliar valorada na contía de 173.000 euros.
O Ministerio Fiscal entende que estes feitos constitúen un delito continuado de estafa polo que pide unha pena de sete anos e seis meses de prisión e multa de vinte meses con cota diaria de 12 euros.
En concepto de responsabilidade civil a Fiscalía solicita que o acusado e subsidiariamente as empresas Dissal e Muro Novo, indemnicen ás presuntas vítimas desta estafa.