Tirón de orellas da Xunta a Costas para que resolva con celeridade a prórroga de Elnosa
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pediu á Dirección Xeral de Costas "celeridade" na decisión sobre a posible continuidade da prórroga da actual concesión en terreos de dominio marítimo-terrestre en Lourizán da fábrica de Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa).
Rueda referiuse á continuidade da actividade da fábrica de cloro que comparte localización ao pé da ría en Pontevedra coa pasteira Ence lembrando que a Consellería de Medio Ambiente xa deu o seu visto e prace á autorización ambiental para que a empresa poida iniciar o seu proxecto de reconversión adaptando a súa tecnoloxía ás esixencias da Unión Europea de non seguir utilizando o mercurio nos seus procesos industriais.
"Se despois as decisións que teñan que tomar outras administracións impídeno, esas administracións terán que explicar as súas decisións", dixo en referencia ao Concello de Pontevedra e ao Ministerio de Medio Ambiente.
En canto ao concello da capital, Rueda sinalou que o goberno local xa manifestou publicamente que "en ningún caso baixo ningún concepto quería que esta empresa quedase aquí" ao que o vicepresidente comentou que "polo menos hai que agradecerlles a claridade".
Con todo, o número dous do executivo galego lembrou que a continuidade de Elnosa "non depende só da Xunta, o que depende de varios tense que facer entre varios" e apuntou que "se aplicando a normativa algunha administración toma unha decisión que fora en contra de Elnosa nós o único que poderiamos dicir é que nos gustaría que a empresa quedase, pero se hai que tomar outras decisións o que as tome que as explique".
"Isto non vai de amigos ou non amigos, vai de cumprir a lei e tomar decisións razoadas e por suposto que se expliquen", dixo Rueda.
"A decisión, a que sexa, debería ser tomada canto antes". Alfonso Rueda engadiu que desde o goberno galego "o único que podemos facer, e é perfectamente entendible, é pedir celeridade na resolución dos asuntos", dixo en referencia ao expediente de caducidade Elnosa que ten que conceder Costas do Estado.
O vicepresidente da Xunta considera que "non poden estar permanentemente abertos e con esta expectativa. Creo que non é bo para ninguén, nin para os traballadores e as súas familias nin para o tecido empresarial de Pontevedra".
"Se por tirón de orellas enténdese o que acabo de dicir, que os asuntos non poden estar abertos permanentemente, se o temos feito, por suposto", concluíu Rueda.
Relacionadas:
-
Conta atrás para o peche de Elnosa mentres o persoal agarda que o Goberno conceda a prórroga
Por Anxo Lourido |
-
A fábrica de Ence en Pontevedra volve mellorar os seus resultados ambientais en 2017
Por Redacción |
-
O Goberno evita responder a En Marea sobre o futuro de Elnosa na ría
Por Redacción |
-
En Marea esixe ao Goberno de Rajoy información sobre o futuro de Elnosa
Por Redacción |
-
Os traballadores de Elnosa chegan a un acordo coa empresa e desconvocan a folga
Por Oskar Viéitez |
-
Folga indefinida dos traballadores de Elnosa a partir do 4 de xaneiro
Por Redacción |