Veciños de Fontesanta critican deixamento na limpeza e a recollida de lixo na zona
Por Redacción
Os veciños da colonia de Fontesanta, situada entre o barrio de Campolongo e a parroquia de Salcedo, senten "abandonados" e "desatendidos" polo Concello de Pontevedra en varios aspectos, pero, en especial, en todo o que ten que ver coa limpeza e a recollida de lixo.
Nos últimos días puxéronse en contacto con PontevedraViva para denunciar que é habitual que pasen varios días e mesmo ata unha semana sen que se realice unha limpeza profunda na urbanización e nas rúas máis próximas.
Ademais, indican que adoitan pasar varios días sen que a empresa responsable da recollida de lixo pase a baleirar os colectores de recollida selectiva, de maneira que están cheos varias xornadas, cos problemas de insalubridade e imaxe que supón.
En concreto, na imaxe que acompaña esta información móstrase o estado dunha das zonas de colectores da urbanización tras varios días sen recollida e os veciños indican que "é habitual", en especial, cos recipientes de cristal, papel e plástico.
Segundo indican, o abandono do barrio é algo xeneralizado, con "deficiencias" e "deixadez" na limpeza que ven tamén nas rúas que rodean aos edificios administrativos da Xunta e a Axencia Tributaria en Campolongo e en toda a contorna das rúas Estrigueiras e Eduardo Branco Amor.
Nesta colonia de Fontesanta, un grupo de veciños xa denunciou meses atrás falta de ordenamento do estacionamento e un abandono visible que desde que chegou o outono mantivo as vías cheas de follas durante varios días seguidos no mesmo punto, demostrando, segundo as súas denuncias, que se pasan días sen limpar e recollelas.