O Salnés contará cun vehículo con guindastre para loitar contra a vespa velutina
Por Redacción
Este martes presentábase o novo vehículo da Mancomunidade do Salnés para a loita contra a avespa velutina e o picudo vermello. O acto realizábase no auditorio do Esteiro en Vilanova de Arousa.
Ao acto asistiron a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; o presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán e o xerente deste organismo, José Ramón García Guinarte.
A adquisición deste novo vehículo supuxo un investimento de ao redor de 112.000 euros, dos cales case 74.000 corresponderon a unha subvención achegada pola vicepresidencia, a través do Fondo de Compensación Ambiental.
Trátase dun vehículo cun guindastre longo e cun cesto homologado con espazo para dúas persoas, que permitirá eliminar niños de avespa velutina situados a gran altura e difícil acceso, actuando sobre os nove concellos que forman parte da Manconmunidade do Salnés.
Tamén permitirá instalar nas palmeiras o tratamento contra a enfermidade do picudo vermello, así como a poda das pólas destas árbores e doutros que poidan poñer en risco a seguridade dos veciños.