Pontevedra é a cidade menos endebedada de Galicia, segundo un informe do Ministerio de Hacienda
Por Alejandro Espiño
Pontevedra é a cidade menos endebedada de Galicia. Pode parecer unha afirmación baladí, pero non o é. Así o ratifica o Ministerio de Hacienda. E non só iso, senón que o concello pontevedrés foi tamén o que durante 2012 logrou reducir a súa débeda en maior porcentaxe. En total, a 31 de decembro do pasado ano, Pontevedra acumula 20,5 millóns de euros de débeda, un 14,2% menos que o ano anterior.
As cidades máis poboadas de Galicia, Vigo e A Coruña, así como Santiago de Compostela e Ferrol incrementaron a súa débeda no ano 2012, ao contrario que Ourense, Lugo e Pontevedra, que a reduciron. Encabeza este crecemento Vigo cun 21,2% por cento de suba, seguida de Santiago (9,5%), A Coruña (9,3%) e Ferrol (7,8%). No lado oposto, Pontevedra baixa un 14,2%, seguida de Vilagarcía de Arousa (-10,7%), Lugo (-5,94%), Narón (-5,1%) e Ourense (-0,5%).
Pontevedra, ademais de encabezar a listaxe de principais cidades que reduciron a súa débeda, tamén é a que menos ten de entre as sete primeiras, ao contar con 20,5 millóns de euros de débeda, xusto por baixo de Narón (21,14 millóns de euros) e Vilagarcía de Arousa (21,15 millóns), localidades moito menores que a capital pontevedresa.
Fronte a esta situación, a cidade da Coruña é a que ten maior débeda, con 79,5 millóns de euros; seguida de Santiago, con 63,8 millóns; Vigo, con 55,74 millóns; Ourense, que conta con 47,84 millóns; Lugo, con 39,57 millóns e Ferrol, con 32,55 millóns.
A Deputación de Pontevedra foi a entidade provincial que logrou a maior redución en termos absolutos
Aínda que hai 56 municipios, nove deles na provincia de Pontevedra, cuxas contas aínda están moito máis saneadas. Segundo o Ministerio de Hacienda, non teñen débeda. Nesta situación estarían Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Mondariz-Balneario, As Neves, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro e Valga.
En total, a débeda viva dos concellos galegos aumentou en 2012 un 19,76% con respecto ao ano 2011, ao pasar de 645,64 millóns de euros a 773,5 millóns de euros. A provincia que acumula a maior débeda ao sumar a de todos os seus municipios é a da Coruña, con 325 millóns de euros. Séguenlle Pontevedra, con 234,95 millóns; Ourense, con 109,67 millóns de euros; e Lugo, 103,8 millóns.
E que pasa coas deputacións? Todas reduciron o ano pasado a súa débeda con respecto a 2011. O maior descenso logrouno Lugo ao baixar un 18,6%, ao pasar de 36,5 millóns en 2011 a 29,7 millóns ao peche do exercicio pasado. Pero a Deputación de Pontevedra, cuxo titular é o popular Rafael Louzán, logrou a maior redución en termos absolutos, ao pasar de 103,8 millóns 2011 aos 91,18 millóns en 2012, reducindoa, así, en 12,6 millóns. En términos porcentuales, supuxo un descenso do 12,2%.