Rexeitamento frontal de Pontevedra á xestión da AP-9 e a súa "abusiva" subida de peaxes
Tres mocións, similares pero con pequenos matices, mostraron o rexeitamento frontal da corporación municipal de Pontevedra á subida das peaxes na autoestrada AP-9 e á xestión que desta infraestrutura fan a empresa Audasa e o Goberno central. Non foi por unanimidade. O Partido Popular abstívose.
O primeiro en intervir foi Luís Bará, concelleiro do BNG, que sinalou que a AP-9 representa a historia dunha "estafa", un "aldraxe" e unha "inxustiza xigantesca" desde finais da época franquista. Denunciou que supón un "espolio" e un "saqueo" a Galicia por parte dunha empresa de capital estranxeiro que está "protexida" polo Estado central.
O Goberno, co PP á fronte, mantén segundo Bará un papel "sumiso e servil" cunha empresa que en Galicia "ten dereito de pernada". Só así se explica, dixo, que se permita unha "brutal" subida nas peaxes que converte á autoestrada no auténtico "tesouro de Rande", todo un "botín" para uns "piratas" que están "amparados" polo Estado.
O BNG, na súa moción, propuxo "pararlle os pés" a Audasa esixindo ao Goberno que non permita a subida das peaxes, que se negocien medidas ou bonificacións para abaratar o custo para os cidadáns, que se mellore o servizo, que se eliminen as vantaxes fiscais que ten a concesionaria ou que se transfira a súa xestión a Galicia.
Os socialistas, a través de Iván Puentes, engadiron que a AP-9 é unha das poucas autoestradas que hai en España "que non ten alternativa" e defendeu que Galicia asuma esta infraestrutura para poder exercer un control sobre decisións, como a subida das peaxes, que cualifica como "abusivas e arbitrarias".
Ademais, esixe que Fomento asuma o custo das obras de ampliación de Rande, que se suprima a peaxe entre Pontevedra e Vigo ou que se establezan compensacións para os condutores habituais da AP-9.
A terceira moción foi presentada por Marea. Luís Rei sinalou que a AP-9 é unha "flagrante inxustiza" con Galicia e denunciou que Audasa está a gañar cifras "desmesuradas" a conta de todos os galegos que, sinalou, "merecemos que nos libren deste calote".
A súa iniciativa, coincidente en gran parte dos puntos coas propostas de BNG e PSdeG-PSOE, foi un paso máis aló ao reclamar o rescate da concesión.
Estas tres mocións foron apoiadas por BNG, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns. A portavoz desta formación, María Rey, presentou ademais unha emenda para que se incluíra a axilización da reforma do nó da AP-9 no parque de bombeiros, así como o entroncamento coa ponte das Correntes, "porque sabemos que el proyecto está redactado".
O PP, pola súa banda, propuxo unha emenda para buscar unha resolución única e unánime, que se limitaba a demandar bonificacións polo uso da AP-9 e a transferencia da autoestrada á Xunta de Galicia. Foi rexeitada ao entender os demais grupos que buscaban desnaturalizar as propostas presentadas.
Jacobo Moreira lamentou o "batiburrillo" de propostas e lamentou que o resto de partidos apostasen por ver "quién va más allá". Fronte aos que "callan cuando gobiernan y protestan cuando están en la oposición", o edil popular defendeu que a postura do PP neste asunto "no cambió" e seguirán traballando para que a AP-9 se xestione desde Gaicia.
O edil popular, ademais, ironizou con que "tuvimos que facer un cuadro" para entender as tres propostas. "Esto es una casa de locos. No sé qué imagen vamos a dar al exterior", engadiu, ao ver que cada unha delas votábase por separado e cunha resolución diferente.
Relacionadas:
-
Lores e Carmela Silva piden "levantar" a peaxe da AP-9 ata que acaben as obras en Rande
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG, indignado pola sanción a nove militantes nunha protesta na inauguración da reforma de Rande
Por Alejandra Iannone |
-
A patronal pide liberar o tramo Pontevedra-Curro para compensar a suba da AP-9
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas instan ao Goberno a asumir o custe da ampliación da ponte de Rande
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra súmase ao clamor contra "o calote das peaxes"
Por Oskar Viéitez |
-
A ampliación da ponte de Rande entra en servizo entre autoridades e protestas
Por Natalia Puga |
-
Cargos do BNG, con Ana Pontón á fronte, únense en Pontevedra contra o "saqueo" da AP-9
Por Alejandro Espiño |