Pecha a discoteca Carabás a finais de xaneiro cunha festa de despedida
Por Redacción
A discoteca Carabás, un local de referencia na actividade da noite en Pontevedra desde os anos 80, pechará as súas portas definitivamente a última fin de semana deste mes de xaneiro. Este sábado 13, o establecemento xa non tiña actividade.
A dirección do local emitiu un comunicado destinado a clientes e amigos aos que agradecen a asistencia á sala durante todos estes anos. "De todos quedou algo en Carabás", manifestan os responsables.
No escrito faise referencia a todas aquelas persoas que traballaron no establecemento nestas décadas, desde dj's a persoas encargadas do roupeiro, da billeteira, da limpeza ou das relacións públicas. Sen eles, indica a dirección, "esta marabillosa viaxe que emprendimos hai xa tantos anos sen dúbida tería sido imposible".
No comunicado, datado este sábado 13, evítase dar explicacións sobre o peche. Só se limita a sinalar que "como en calquera viaxe sempre hai un inicio e unha fin. E despois de case 30 anos sendo un referente da hostelería nocturna de Pontevedra chegou a nosa fin".
A despedida será a través de dúas sesións. O venres 26 vai celebrarse o segundo aniversario de Foa Events coa presenza de David Herrero, Manu Martín, Pando e Smerz. E o sábado 27 chegar a despedida oficial de "Carabás". Alí estará todo o equipo que actualmente traballaba e dirixía a sala. A música correrá a cargo do dj residente "Slevin", que porá banda sonora a este final cunha sesión remember cos hits dos últimos anos.
Carabás xa anunciara o seu peche en novembro de 2013, co despedimento de 19 empregados a tempo parcial. Pero ao longo de 2014 volvía abrir as súas portas cunha nova xerencia retomando a actividade ata agora.