Unha ferramenta informática definirá a política forestal en todo o municipio
Por Alejandro Espiño
A última vaga de incendios espertou de novo todas as alarmas entre os comuneiros de Pontevedra. Acordaron co Concello impulsar unha nova edición do plan Monte Vivo. O obxectivo, mellorar a xestión da biomasa forestal e crear devasas vexetais -plantando especies de baixa combustión- que impidan ou freen a propagación do lume.
Pero o goberno municipal decidiu ir un paso máis aló. Para que Pontevedra teña unha defensa adecuada contra o lume, evitando que se estenda sen control polo municipio, primeiro débese analizar todas as zonas rústicas, tanto agrícolas como forestais, para poder deseñar as accións que se poñerán en marcha.
"Precisamos unha ferramenta que nos diga que zonas son máis urxentes", explicou o edil de Rural, Demetrio Gómez. Así, o Concello contratou ao enxeñeiro forestal Manuel Peixoto para que, a través dunha plataforma informática, recolla toda esta información. Revisarase toda a extensión do municipio e un quilómetro máis aló de todos os límites do concello.
Mediante unha tecnoloxía creada por este técnico, analizarase todo o territorio para diferenciar cal de todas as zonas de traballo será prioritaria para Monte Vivo.
A partir da cartografía catastral, Manuel Peixoto definirá aquelas áreas que están afectadas pola lei de incendios forestais, establecendo as franxas de protección que marca a normativa autonómica, calculando así o custo económico que terá implantar as medidas previstas para combater os incendios forestais.
A esta información incorporaránselle datos sobre a superficie forestal ou a orografía do terreo con especial atención ás súas cotas, as súas pendentes e a súa orientación, xa que teñen unha especial incidencia no risco de incendios. Ademais, analizarase o tipo de vexetación e a súa altura e comprobarase, a través de datos do satélite, a incidencia da seca en cada zona.
Tamén se incorporará, a petición da Mancomunidade de Montes, a información sobre a titularidade dos terreos.
O Concello investirá nesta ferramenta case 16.000 euros e estará dispoñible nun prazo de seis meses. Os técnicos municipais recibirán formación para poder traballar con ela.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Iván Pérez. Alimentado dun combustible chamado "podemos cambiar o mundo"
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
O parque forestal da Tomba abarcará finalmente 83 hectáreas
Por Alejandro Espiño |
-
Concello, Universidade e comuneiros alíanse para crear devasas vexetais nos montes de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O parque forestal da Fracha impulsará plantar 11.000 árbores e eliminar 160.000 acacias
Por Natalia Puga |