Cuntis mellora o alumeado das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González para reducir o consumo
Por Redacción
As rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González de Cuntis acaban de rexistrar unha mellora no seu alumeado público con cargo ao Plan Concellos da Deputación Provincial e a fondos municipais.
Segundo informou o Concello de Cuntis a través dun comunicado, os traballos realizounos a brigada municipal de obras e servizos e os materiales sufragáronse con 8.000 euros do Plan Concellos.
As citadas rúas tiñan unhas luminarias moi pouco eficientes, o que provocaba que o alumeado fora moi deficiente debido ás perdas de luz ocasionadas por esas luminarias tipo esfera, perdéndose a maior parte da luz cara ao hemisferio superior.
O obxectivo do proxecto realizado foi mellorar a instalación de alumeado público e reducir o consumo eléctrico das instalacións municipais do Concello de Cuntis, e, por conseguinte, reducir o importe da factura eléctrica. Ao mesmo tempo, tamén se pretende mellorar a calidade do alumeado público tendo en conta que este é un dos servizos que os concellos deben emprestar ao cidadán, tratando de proporcionar uns niveis de iluminación axeitados ás diferentes zonas.
Para mellorar ese alumeado, utilizáronse criterios de rendemento enerxético, limitando a utilización de luminarias de baixo rendemento e tamén se tivo en conta a mellora da eficacia das fontes lumínicas, mediante a utilización do tipo de lámpadas máis axeitadas a cada entorno.
O consumo eléctrico do alumeado público nos concellos supón o equivalente ás dúas terceiras partes do consumo eléctrico por todos os conceptos, o cal plantexa que este é, en xeral, o consumo enerxético mais importante dos que se producen nas entidades locais. O que se quixo con este proxecto foi aforrar e optimizar o uso da enerxía, tanto dende a óptica da mellora do medio ambiente como da redución do gasto.