A fiscal de violencia sobre a muller de Pontevedra, nova responsable do cargo a nivel galego
Por Natalia Puga
A actual fiscal especializada en violencia sobre a muller de Pontevedra, Rosalina Carrera, será a nova responsable desta mesma carteira a nivel galego. Con este nomeamento convértese na primeira delegada de rango autonómico nesta materia.
O nomeamento fíxoo efectivo o fiscal xeral do Estado, Julián Sánchez Melgar, a proposta da Unidade Especializada de Violencia sobre a Muller e da Fiscalía Superior de Galicia e supón fortalecer a loita contra a violencia machista e dar unha resposta eficaz a este tipo de delincuencia.
O fiscal xeral do Estado destaca a súa "acreditada cualificación e relevante capacidade profesional e técnica" e a súa amplia experiencia na materia, pois desde o ano 2012 exerce as funcións de delegada provincial de Pontevedra á fronte da Sección de Violencia sobre a Muller.
Carrera tomou posesión da súa praza de fiscal no ano 1991 e todo o seu desempeño profesional estivo vinculado á Fiscalía de Pontevedra. Foi fiscal especialista na sección de Menores dende 2000 ata xullo de 2012, data na que pasou a encargarse da delegación provincial de Violencia contra a Muller.
Rosalina Carrera terá como funcións a supervisión e coordinación dos fiscais especialistas en violencia de xénero que traballan en Galicia e, á súa vez, servir de enlace coa Fiscalía de Sala dependente da Fiscalía Xeral do Estado, segundo deu a coñecer este mércores a Fiscalía Superior de Galicia.
A figura de nova creación que asume a fiscal pontevedresa parte da filosofía de traballo de manter a necesaria unidade de actuación do Ministerio Público, avanzando na protección das vítimas, a reparación do dano e a seguridade xurídica dos procedementos xudiciais.
A fiscal tamén desempeñará funcións de representación, por delegación do fiscal superior de Galicia, nos foros institucionais relacionados coa especialidade, como o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, no que xa ten participado como fiscal provincial.
Con este nomeamento, Galicia convértese na cuarta comunidade que conta cunha fiscalía autonómica especializada en violencia contra a muller, xunto con Andalucía, Cataluña e Castela e León.
Relacionadas:
-
8M | As mulleres tamén son máis da metade na Fiscalía de Pontevedra: seis de cada dez
Por Natalia Puga |
-
A Xunta implica ás asociacións de veciños nunha campaña de prevención da violencia de xénero
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Pontevedra analiza os novos retos da Xustiza contra a violencia de xénero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |