Colectivos ecoloxistas esixen investigar a aparición dun lobo morto en Barro
Por Redacción
Que as autoridades investiguen se a morte dun lobo que apareceu nun monte de Barro ten ou non relación cun campionato de caza de raposo que se celebrou recentemente na zona. É a petición que fan tres colectivos ecoloxistas, alertados por un caso que cualifican como "moi grave" e que demostra o "desprezo" dalgunhas persoas polo patrimonio natural.
Todo parte do achado que realizou o pasado martes un veciño de Barro, que atopou o cadáver do lobo no lugar de Valiñas. O animal, segundo estes colectivos, levaba menos de tres días morto e contaba con tres orificios que sinalan a posibles perdigóns.
Así, ADEGA, ASCEL e o Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes (GEAS) solicitan que se abran dilixencias e se investigue se hai relación entre o campionato e este lobo morto, en particular, á cuadrilla que tivo asignada esa zona durante o evento.
A caza de lobo nesta zona, recordan, está "totalmente prohibida" polo que instan á administración a que investigue e condene "firmemente" estes actos de "furtivismo", perseguíndoos por vía penal con sentenzas "exemplares".
As asociación engaden que estes campionatos de caza de raposo "non contan coa vixilancia necesaria e resulta habitual ter que lamentar similares sucesos ilegais".
Estas probas, segundo a denuncia destes colectivos, "non só carecen de total reprobación ética e moral senón que non teñen xustificación científica, e fanse á marxe da planificación cinexética dos tecores".
"Matar raposos non axuda a recuperar as poboacións de perdices nin de coellos, afectadas por múltiples factores, sinalando entre outras, tamén, ás malas prácticas cinexéticas, por sobrecaza ou por repoboacións cinexéticas con animais de granxa, así coma, os cambios no hábitat, como os monocultivos forestais", conclúen no seu comunicado.
Relacionadas:
-
Os cazadores instalan 200 refuxios nos montes de Pontevedra para criar coellos en liberdade
Por Manu Otero |
-
Grupos animalistas piden explicacións á Deputación pola súa relación cunha feira de caza
Por Alejandra Iannone |
-
Denuncian a aparición dun lobo morto a tiros nun monte de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |