A titular do Xulgado do Social 1 de Pontevedra, nova xuíza decana da capital
Por Natalia Puga
A titular do Xulgado do Social número 1 de Pontevedra, Marta López-Arias Testa, é desde finais de 2017 a nova xuíza decana dos xulgados pontevedreses. Saíu elixida como a maxistrada de maior antigüidade nos xulgados da capital ao non existir ningún xuíz interesado en optar a cargo.
O nomeamento realizouse tras a xunta de xuíces celebrada o pasado mes de outubro. O seu predecesor, Miguel Aramburu, cumpría catro anos no cargo -foi elixido en 2013- e decidiu non presentarse á reelección, de modo que se abriu un prazo para que se presentasen candidatos. Ao non existir ningún voluntario, saíu designada Marta López-Arias.
O seu cargo é en funcións á espera de que se celebre unha nova xunta de xuíces e se presenten candidatos. Mentres tanto, aínda que se trate dun nomeamento provisional, converteuse na primeira muller en asumir o cargo de representación do resto de profesionais da xudicatura en Pontevedra.
A figura do xuíz decano é, segundo lembra o Consello Xeral do Poder Xudicial, a dun "primus inter pares que asume funcións de organización dos distintos xulgados" en materias tales como asegurar o adecuado funcionamento do servizo de garda, convocar as xuntas de xuíces, vixiar pola correcta utilización das dependencias xudiciais ou a repartición de asuntos.
En Pontevedra, como en todas as poboacións que contan con dez xulgados ou máis, o decano é elixido polo resto dos seus compañeiros, por iso é polo que agora deba volver convocarse unha xunta de xuíces para volver someter a votación o cargo e nomear a un que non teña carácter interino.
Relacionadas:
-
Ningún candidato para ser xuíz decano de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Enfado nos xuíces ante a "extremada imprudencia" do Subdelegado ao informar sobre o crime de Chancelas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra analiza os novos retos da Xustiza contra a violencia de xénero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuíz de violencia de xénero: "En Pontevedra non podo dicir que houbese un descenso de denuncias xustificado coa crise"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |