SOS Sanidade Pública convoca unha concentración contra a modificación da Lei Galega de Saúde
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para este mércores 24 ás 20.30 horas na praza da Peregrina para mostrar o seu desacordo coa decisión da Xunta de Galicia de modificar a actual Lei Galega de Saúde.
Este luns, o presidente da Federación de Veciños Castelao, Juan Manuel Loureiro, ademais doutros integrantes de SOS Sanidade Pública, manifestaba as causas que levaron á plataforma para convocar esta concentración cidadá.
Loureiro expuxo que desde que Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta de Galicia recortou o orzamento sanitario nun 18%, pechando 970 camas, suprimindo 513 prazas de persoal médico e máis de 1.100 pertencentes a persoal non sanitario.
Ademais, o colectivo manexa o dato de que se deixaron de construír máis de 60 novos centros de saúde en Galicia con recortes no gasto sanitario, un dato que relacionan directamente cos colapsos nas urxencias hospitalarias e coas listas de espera.
Denuncian que agora coa aprobación da Lei de Garantías que fixa en 60 días o tempo de espera para intervencións cirúrxicas e en 45 para probas diagnósticas ou consultas con especialistas, o Sergas acudirá a centros privados para derivar aos pacientes. Neste sentido, entende que se vai a desmantelar o Hospital comarcal do Salnés, de forma que os pacientes desa zona aumenten as listas de espera de Montecelo.
Marcos Conde, Pilar Comesaña e Ramón Vidal tamén sinalaron que desde o Sergas se está a deteriorar a atención primaria. E utilizaron como exemplo que no centro de saúde de Lérez quedaron sen pediatras porque xa non se cobren vacantes.
A plataforma tamén entende que a participación social quedará modificada coa modificación da lei que promove a Xunta e pasará a reducirse a determinadas asociacións de enfermos cando, na actualidade, o movemento veciñal ten dereito a emitir informes sobre a xestión sanitaria. Entenden que os cambios favorecerán a creación de "chiringuitos", que evitarán unha contratación regular do persoal sanitario.
Marcos Conde sinalou que a mellor forma de cambiar esta situación é protestando e Loureiro afirmou que é moi difícil que se cambie a intención do goberno autonómico pero lembrou que o movemento veciñal logrou parar o proxecto do Hospital Monte Carrasco en beneficio da ampliación de Montecelo.
Relacionadas:
-
Protesta na Peregrina en defensa da sanidade pública
Por Anxo Lourido |
-
O coronel jefe da Garda Civil reafirma ante Carmela Silva o compromiso contra a violencia machista
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública tamén pedirá na Deputación a retirada da modificación da Lei Galega de Saúde
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública pedirá nos plenos a retirada da modificación da Lei Galega de Saúde
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Sergas sae ao paso da manifestación en defensa da sanidade pública presumindo de inversións no Salnés
Por Oskar Viéitez |