Desestiman a petición de Construcuatro de máis dun millón de euros por ceder solo para os xulgados
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra tivo coñecemento este luns dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desestima a reclamación da promotora Construcuatro pola cantidade na que foi valorada unha parcela que lle foi expropiada para a construción do novo edificio dos xulgados da Parda.
A empresa Construcuatro, naquel momento vinculada ao que era portavoz municipal do PP, Telmo Martín, reclamaba o pago de 1,1 millóns de euros por ceder solo para a construción do futuro edificio xudicial.
Segundo a folla de xustiprezo que subscribiu o Concello, considérase que se trata de chan urbano no que se permite unha edificabilidade máxima de 1,50 metros cadrados por metro cadrado polo que foi valorado en 470.000 euros. Esta cantidade xa lle foi abonada polo Concello no seu día, pero a promotora reclamou pedindo 632.000 euros máis de indemnización.
O portavoz do goberno local de Pontevedra, Raimundo González, informou que "dadas as contradicións das valoracións" o TSXG considera que é "máis acaida" a cantidade que fixou o tribunal de expropiacións de Galicia polo que desestima o recurso contencioso administrativo da mercantil.
Esta sentenza non é firme e contra ela cabe presentar un recurso de casación, aínda que González Carballo mostrouse confiado en que "ultimamente non as estaban admitindo a trámite".
Relacionadas:
-
O novo edificio xudicial de Pontevedra, en abril de 2019
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Xunta volve comprometerse a mellorar a sala de espera das vítimas de violencia de xénero nos xulgados
Por Redacción |
-
A contención de terras e a cimentación, causantes do atraso na obra do novo edificio xudicial da Parda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Vía libre para o novo edificio xudicial da Parda tras completarse as expropiacións
Por Alejandro Espiño |