Os escolares pontevedreses piden máis 'Olimpíadas do Recreo'
Por Redacción
Varios centros educativos do municipio puxéronse en contacto co Concello de Pontevedra para pedir que se manteña a actividade 'Olimpíadas do Recreo', un programa educativo posto en marcha durante este curso e que incentivou a aprendizaxe en catro campos distintos a partir dun enfoque lúdico. A petición dos escolares é que siga a actividadede cara aos próximos cursos escolares despois do éxito acadado durante o actual ano académico.
Así o anunciou o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, este xoves despois de recibir aos case 30 rapaces dos colexios Xunqueira 1 e Marcón que participaron na final das 'Olimpíadas do Recreo'. Destacou que o programa foi moi ben acollido.
A final celebrouse o pasado domingo no marco do Salón da Educación e a Formación (Edugal) despois dunha fase eliminatoria na que tomaron parte case 300 alumnos de Educación Primaria. O concelleiro entregou senllos cheques-regalo para material escolar valorados en 400 euros, 200 e 100 euros, respectivamente aos tres finalistas.
Na final participaron tres equipos (A Xunqueira 1 achegou tan alta participación que acabaron seleccionados dous dos seus grupos). O enfrontamento comezou pola competición de Orientación, na que os rapaces buscaron balizas entre os stands de Edugal coa axuda dunha brúxula. A continuación, o bloque de saúde, que tivo como epicentro a pirámide da alimentación.
O terceiro apartado centrouse na química, coa elaboración de dous experimentos a partir de produtos domésticos. Finalmente, o Pasapalabra con preguntas sobre Galicia e a cidade de Pontevedra.