O PSOE esixe que os clubes "non queden á marxe" da planificación deportiva da cidade
Por Redacción
A constitución do Consello Municipal do Deporte leva, segundo os socialistas, un ano de atraso. É unha mostra, denuncia Agustín Fernández, da "decadencia" do goberno municipal.
Entende que os clubs "non poden quedar á marxe" da planificación deportiva da cidade de Pontevedra. "Este concello é un exemplo en materia deportiva e para seguir crecendo e mellorando necesitamos a implicación de todos. Doutro xeito acabaremos estancándonos", asegura o voceiro do PSdeG-PSOE.
Se ben a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD) produciuse con efectos dende o 1 de xaneiro de 2017, o Consello "aínda non está constituído" nin se debateu ningún borrador de regulamento en ningunha comisión.
Os socialistas conciben este consello como un órgano de participación das entidades deportivas que permita "aportar ideas, fiscalizar e mellorar a situación do deporte pontevedrés", afirmou o seu portavoz.
Fernández explica que o seu partido está disposto a botar unha man dende a oposición para sacar adiante asuntos como este. "Se eles non son capaces, que o digan e os socialistas faremos unha proposta de borrador de regulamento en 15 días", engadiu.