Unidade no goberno local do Poio: centro de saúde si, pero sen pechar os ambulatorios de Combarro e Raxó
Por Diego Espiño
O Concello de Poio non asinará ningún convenio coa Xunta de Galicia para a construción dun novo centro de saúde no municipio que supoña o peche dos actuais consultorios de Combarro e Raxó.
Así o sinalaron con contundencia este mércores en rolda de prensa o alcalde, Luciano Sobral, acompañado por catro concelleiros do grupo de goberno (Chelo Besada, Xosé Luís Martínez, Gregorio Agís e Xulio Barreiro) saíndo ao paso das acusacións do portavoz local do Partido Popular, Ángel Moldes.
"Nós estamos a favor da construción dun centro de saúde novo pero que non conleve o peche dos centros periféricos", explicou o rexedor.
Segundo os representantes do goberno local, no seu último encontro con responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) incluíuse por primeira vez nun borrador de convenio a cláusula que contempla o peche dos centros periféricos, e "ese é o motivo de non asinar", sinalou Gregorio Agís.
Os concelleiros explicaron á súa vez que na única negociación aberta, a respectiva á cesión dos terreos nos que situar o novo centro sanitario posto que a súa construción depende exclusivamente da Xunta de Galicia, o Concello de Poio ofreceu ata tres posibilidades, dos que nunha delas sería necesario acometer unha expropiación mentres que as outras dúas serían compras directas fixadas cos propietarios en 350.000 e 400.000 euros respectivamente.
Chegados a este punto, desde Poio solicitarán unha "entrevista urxente" co xerente da área hospitalaria Pontevedra-Salnés co obxectivo de coñecer o estado do proxecto, tendo en conta que foi o propio Sergas o que descartou ampliar Anafáns ao entender que sería insuficiente para absorber a demanda de atención sanitaria no municipio.
"Poio non ten que ser un municipio discriminado", completou a tenente de alcalde, Chelo Besada, aludindo á lei sanitaria que establece a necesidade de contar cun centro de saúde nos municipios con máis de 14.000 habitantes, algo que neste caso cúmprese con folgura.
Relacionadas:
-
O novo centro de saúde, insiste o Sergas, complica o futuro dos consultorios de Raxó e Combarro
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG denuncia o "disparo" das listas de agarda nos Centros de Combarro e Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
Unha parcela en San Salvador, a que "máis gusta" para o novo centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |
-
"Recoñezo un problema: temos poucos médicos de familia en listas de contratación"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP fai público o borrador do convenio e os correos entre o Concello de Poio e o Sergas
Por Oskar Viéitez |
-
Ángel Moldes solicita a Concello e Sergas o borrador do convenio do novo centro de saúde de Poio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio acorda coa Xunta un novo centro de saúde con servizo de urxencia
Por Oskar Viéitez |