Protesta na Peregrina en defensa da sanidade pública
Por Anxo Lourido
Centos de persoas saíron á rúa este mércores para concentrarse na Praza da Peregrina en defensa da sanidade pública. A Plataforma SOS Sanidade convocaba esta protesta debido á ameaza que supón a aprobación da Lei de Garantías que fixa en 60 días o tempo de espera para unha intervención cirúrxica e en 45 para unha proba diagnóstica ou a consulta co especialista.
Isto supón, segundo o colectivo convocante, que o Sergas trasladará a hospitais privados aqueles casos en que se supere estes días de espera. Desta forma entende que se beneficiarán unicamente os empresarios da sanidade privada.
SOS Sanidade tamén considera unha ameaza o proxecto do goberno autonómico de modificar a Lei Galega de Saúde. Tras esta decisión ven a intención de desmantelar os hospitais comarcais como o do Salnés, segundo expoñen, para dificultar o acceso á asistencia especializada da poboación rural. Desta forma, eses pacientes terminarían incrementando as listas de espera dos hospitais de Pontevedra.
No manifesto que se leu durante a concentración quedaba patente a preocupación polo abandono da Atención Primaria por parte das xerencias hospitalarias. Ademais lánzase unha alarma pola privatización da formación, a investigación e a innovación sanitaria, a través de empresas multinacionais.
Consideran que desde o Servizo Galego de Saúde se quere eliminar a participación cidadá no control da sanidade pública favorecendo a creación de "chiringuitos".
Esta concentración é a antesala á manifestación cidadá que está convocada para o 4 de febreiro ás 12.00 horas na Alameda de Santiago.
Relacionadas:
-
"Recoñezo un problema: temos poucos médicos de familia en listas de contratación"
Por Oskar Viéitez |
-
A área sanitaria de Pontevedra atendeu 3.382.075 consultas o ano pasado
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública convoca unha concentración contra a modificación da Lei Galega de Saúde
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden medidas inmediatas ante a "masificación" do servizo de Urxencias de Montecelo
Por Redacción |