O campus impulsa unha nova recollida de aparellos eléctricos e electrónicos
Por Redacción
Todos aqueles equipamentos e electrodomésticos que funcionan con electricidade ou con pilas e baterías rematarán por converterse nalgún momento nun RAEE, nun residuo de aparellos eléctricos e electrónicos que, polo seu carácter contaminante, non pode rematar no colector do lixo, xa que esixen un tratamento específico.
Co propósito de concienciar á comunidade universitaria respecto desta cuestión e contribuír á vez á correcta xestión destes materiais, a Vicerreitoría promove, dentro do proxecto Green Campus, a VI Semana de Recollida de RAEEs, para a que se instalarán unha serie de puntos de recollida nos diferentes centros do campus, que permanecerán operativos entre o luns 29 de xaneiro e o venres 2 de febreiro.
Concretamente, estes puntos estarán situados nas diferentes facultades e escolas, na Casa das Campás, no Pavillón Universitario e na Escola Infantil do campus.