O Sergas destaca os tempos de resposta aos doentes nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, os hospitais de Pontevedra e O Salnés volven manter, ao remate do ano 2017, os tempos medios de espera para intervencións cirúrxicas, primeiras consultas e para primeiras probas diagnósticas entre os máis baixos de todo o sistema sanitario público galego.
Os datos oficiais que o Sergas fixo públicos este venres reflicten que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a segunda de Galicia coa menor espera para unha intervención cirúrxica, con 41,1 días de demora media, sendo tan só superada por Ferrol.
O tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica na área sanitaria é na actualidade 24,2 días inferior á media de todos os hospitais do Sergas, cuxo dato acada os 65,3 días. Así, a demora media no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é de 41,3 días, mentres que no hospital comarcal do Salnés é de 39,8 días.
Os servizos cirúrxicos con menor tempo de espera medio son: Dermatoloxía (23,2 días), Xinecoloxía (30,9 días) e Cirurxía Xeral e Dixestiva (33,8 días). Por outra banda, as especialidades cirúrxicas con demoras máis elevadas son Traumatoloxía (47,6 días) e Oftalmoloxía (45,6 días).
Segundo o Sergas, dita espera redúcese nos casos máis graves, designados como prioridade 1, pois esta atópase nos 11,2 días, un dato tamén inferior en máis de seis días ao acadado polo conxunto do Sergas (17,9 días).
No tocante ao tempo de delonga medio para unha primeira consulta nos centros da xerencia de Pontevedra e O Salnés, sitúase nos 35,6 días (35,0 días no complexo pontevedrés e 38,6 días no hospital comarcal), novamente unha cifra por debaixo da media galega, situada nos 46,6 días.
En Pontevedra, os servizos con menor espera media para unha primeira consulta de enfermidade son Oncoloxía Médica, Obstetricia, Medicina Interna e Cardioloxía, cun prazo inferior aos doce días. Pola contra, as especialidades con maior demora, situada por riba dos 40 días, correspóndense á Unidade de Dor e aos servizos de Dermatoloxía e Cirurxía Vascular.
No Salnés, os servizos con menor tempo medio de demora para unha primeira consulta de enfermidade son Otorrinolaringoloxía, Uroloxía, Medicina Interna e Xinecoloxía, por debaixo dos dez días, mentres que os servizos con maior demora son a Unidade de Dor e o servizo de Traumatoloxía, superando os 50 días de espera.
En comparación co pasado 2016, o tempo medio de espera para unha primeira consulta no conxunto dos hospitais da área sanitaria incrementouse en 4,5 días.
No que atinxe ás citas para as primeiras probas diagnósticas máis significativas, en Pontevedra rexístranse as demoras medias máis baixas da comunidade galega, agás en ecografías e endoscopias dixestivas.
A espera media para o TAC nesta área sanitaria é de 35,2 días (no complexo hospitalario é de 28,5 días e no Salnés de 40,5 días), 24 días menos que a demora media do Sergas, situada en 59,6 días. No caso da resonancia magnética, a demora media é de 37,3 días (35,8 días en Pontevedra e 40,5 días no Salnés), 40 días menos que o tempo medio de espera global do Sergas. Así mesmo, a demora media respecto á ecocardiografía é de 9,7 días e para a mamografía de 39 días.
No tocante á endoscopia dixestiva a situación varía de forma sensible entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e o hospital do Salnés, pois no primeiro a demora é de 72,9 días e no segundo de 17,3 días. Malia rexistrar estes datos, cómpre salientar que estas demoras están moi por debaixo da acadada polo conxunto do Sergas (155,6 días).
En relación aos datos acumulados en 2016, os rexistrados ao longo do pasado 2017 amosan que a espera se reduciu na realización de probas de resonancia magnética en 0,3 días e na radioloxía convencional en 2,9 días. Pola contra, a demora media incrementouse para unha primeira proba de TAC, ecografía e endoscopia dixestiva.
Relacionadas:
-
Médicos da área sanitaria de Pontevedra opóñense ao cesamento dos xefes de servizo de Cardioloxía e Pneumoloxía
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O SERGAS busca xefes para os servizos de Reumatoloxía, Radiodiagnóstico e Dermatoloxía
Por Redacción |
-
Os socialistas levan ao Parlamento a saturación do servizo de Oftalmoloxía
Por Oskar Viéitez |
-
A Asociación pola Defensa da Sanidade Pública incide nas críticas á "maquillaxe" das listaxes de espera
Por David Arana |
-
O xefe de Oftalmoloxía do CHOP dimite no medio dun colapso na consulta por cataratas
Por Redacción |
-
A área sanitaria de Pontevedra atendeu 3.382.075 consultas o ano pasado
Por Redacción |