Luís Rei presenta os avais para ser candidato de Marea á alcaldía de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O actual voceiro, Luís Rei, vén de presentar a súa candidatura ás primarias de Marea Pontevedra para encabezar a lista electoral desta formación que disputará a alcaldía nas eleccións municipais do vindeiro ano.
O escritor e xornalista presentou este venres os avais necesarios para revalidar a súa candidatura acompañado das persoas que a lexitiman. "Son un pontevedrés que camiña ao lado de moitas outras persoas", dixo o actual voceiro de Marea Pontevedra, "é unha honra que unha ducia de bos e xenerosos me acompañen agora".
Na presentación da súa candidatura, Luis Rei fixo un pequeno balance da experiencia de Marea Pontevedra despois de 3 anos no concello capitalino e manifestou o seu "orgullo" por contar con "apoios significativos" na cidade con "persoas-chave" na defensa da sanidade e do ensino, "públicos e de calidade", representantes da autodefensa social, de "cristiáns de base" e do movemento veciñal.
A candidatura de Luis Rei foi avalada por: Anxo Corbillón. Economista; Carmen González. Concelleira de Marea Pontevedra; Manuel Martín. Médico de familia; María Luisa Lores. Radióloga; Manuel Xesús Fontán. Técnico forestal; Rosina Hermida. Activista contra a pobreza; Pepa Vázquez. Traballadora social; Guille Casalderrey. Arquitecto; Sara Valenzuela. Profesora de historia; Antonio de la Peña. Arqueólogo; José Luis Vidal Laiño. Movemento veciñal e Paula Piay. Psicóloga.
Luis Rei subliñou que, a diferencia de hai catro anos, o seu aval ante as primarias non é o das partes. Daquela, para a unidade popular, tiñan moita relevancia Podemos, Esquerda Unida, Anova ou Espazo Ecosocialista. "Agora demostramos ser xa un proxecto asentado na cidade", dixo.
"Estamos en Pontevedra para quedar, ninguén o dubida, e o realmente decisivo é merecer o creto da socidade civil", afirmou o voceiro de Marea Pontevedra.
Relacionadas:
-
Luís Rei, primeiro 'alcaldable' confirmado para as eleccións municipais de 2019
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra confirma a Luís Rei como o seu candidato á alcaldía para 2019
Por Redacción |
-
Marea elixirá o 9 de febreiro o seu candidato para as municipais de 2019
Por Redacción |
-
Luís Rei quere repetir como cartel electoral de Marea Pontevedra para as próximas municipais
Por Oskar Viéitez |