A CIG sae á rúa na defensa do sistema público de pensións
Por Oskar Viéitez
A CIG convoca unha concentración este mércores 31 na Praza da Peregrina ás 12:00 horas en defensa do sistema público de pensións
O secretario comarcal da CIG en Pontevedra, Marcos Conde, compareceu este luns en rolda de prensa para presentar os detalles desta mobilización para reclamar que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional.
Como resumo, todas as propostas da central nacionalista van pola vía de aumentar os ingresos, que entenden é o principal problema que ten agora o sistema. A CIG é defensora do sistema público de reparto e reivindica todas aquelas medidas que fortalezan o seu carácter solidario e de xustiza social, rexeitando toda reforma parcial que tenda a desmantelalo ou debilitalo.
Sosteñen que os poderes públicos, o Estado, deben garantir a estabilidade e a suficiencia económica do sistema, xa que o dereito a unha pensión digna ten que ser un dereito fundamental para toda a cidadanía, así como un elemento redistributivo e de igualdade social.
Marcos Conde subliñou que as pensións galegas xa están un 15-20% por debaixo da media das contías das pensións no Estado español e que esas sucesivas reformas aprobadas por PP e PSOE fixeron cada vez máis difícil o acceso ás pensións contributivas, rebaixaron as pensións de quen accede ao sistema e atrasaron a idade efectiva da xubilación. Isto xunto o feito de que nos últimos seis anos houbo varios exercicios nos que non se revisou o seu importe nominal, ou este se fixo por debaixo da inflación.
Ademais, o secretario comarcal da CIG en Pontevedra lembrou que, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas de feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.
A defensa que a CIG fai do sistema público de pensións, enmárcase na súa aposta estratéxica para que en Galicia se senten as bases para facer realidade un sistema público galego, "viable e capaz por si mesmo".
Por iso, reivindican o traspaso da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social previsto no estatuto de autonomía, así como de todas as competencias legais e normativas necesarias para que, entre outras cousas, sexa en Galicia onde se faga o pago de todos os impostos e de todas as cotizacións sociais, por ser onde están radicados os centros de traballo "e non sexa posible desviar a Madrid, por ser o lugar onde está a sede central das empresas".
En calquera caso, e no marco actual, a creación de emprego estable, en condicións dignas e con salarios xustos, constitúe para a CIG o mecanismo prioritario para dotar de recursos suficientes o sistema de pensións, presente e futuro.
Relacionadas:
-
Os sindicatos convocan unha manifestación o día 23 contra a subida de prezos
Por Manu Otero |
-
Piden que Rajoy priorice en pensións dignas antes que en Defensa: "Que é primeiro? Comer ou tirar balas?"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden a revisión do sistema de cálculo das pensións tras detectar erros
Por Redacción |
-
Gas, carburantes e peaxes lideran as subas de prezos en 2018... e falta a luz
Por Redacción |
-
'Os de +60 contamos', unha actividade para reivindicar ás persoas maiores
Por Mónica Patxot |
-
O PP, preocupado pola suspensión do pago aos pensionistas venezolanos que residen en Galicia
Por Redacción |
-
UGT e CCOO demandan "emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A CIG saca ás rúas a "loita a prol da recuperación de dereitos roubados coa escusa da crise"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |