Cheo no Teatro Principal na estrea do documental 'Fóra' sobre a loita contra Ence
Por Redacción
O documental Fóra, que conta a historia da oposición á permanencia do complexo industrial Ence-Elnosa en Lourizán, estreouse este venres no Teatro Principal de Pontevedra cun cheo no patio de butacas.
Con guión e dirección do pontevedrés Rodrigo Cota, o traballo audiovisual repasa imaxes e testemuños da loita social e política contra a localización da fábrica pasteira ao bordo da ría de Pontevedra, contando coa participación de protagonistas que lideraron esta oposición desde a década dos 60.
Aínda que a intención inicial era poder estrear o documental en 2016, finalmente non foi ata 2018 cando se puido facer realidade, "xusto no ano que tiña que pechar a fábrica", lembrou o autor aos presentes antes da súa exhibición.
Cota expresou ademais o seu desexo de que "os segundos 60 anos non duren tanto", en alusión á prórroga da concesión concedida recentemente polo goberno central.
Entre os testemuños recolleitos no documental aparecen as queixas e protestas dos sectores pesqueiros, conserveiros, marisqueiros e bateeiros e entrevistas, entre outros, da histórica activista anti Ence Leonor González, Nené; o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda; o actual presidente da APDR, Antón Masa; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a ex concelleira do PSOE Teresa Casal; e os concelleiros Carme da Silva (BNG), Luís Rei (Marea) e Tino Fernández (PSdeG), que foi avogado da asociación Salvemos Pontevedra,
Colaboran ademais musicalmente o grupo de rock Poetarras ou Carramón, ex compoñente de Goma 2, grupo de rock en galego anti-Ence dos anos 70.
Relacionadas:
-
Rodrigo Cota 'pontevedrea' con empresas locais no seu novo libro
Por Redacción & Nacho Fuentes |
-
A APDR convoca para o sábado 16 de xuño a súa marcha anual contra ENCE
Por Diego Espiño |
-
Os veciños de Eduardo Pondal homenaxean a Nené González polo Día da Muller
Por Redacción |
-
Pontevedra estrea o 2 de febreiro o documental 'Fóra' sobre a loita anti ENCE
Por Redacción |