O GDR Pontevedra-Morrazo repartirá 716.311 euros de axudas públicas a proxectos
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Medio Rural mantén aberta a convocatoria de subvencións con fondos europeos do programa Leader para proxectos ao amparo dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), que no caso do de Pontevedra-Morrazo contará cun orzamento para este ano de 716.311 euros.
Así o comunicaron este mércores nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Pontevedra, na que se fixo balance da xestión da anualidade pasada nunha comparecencia participada polo alcalde da capital e o rexedor de Ponte Caldelas.
Explicou que o Leader é unha medida destinada a favorecer a ocupación do rural, a creación e o mantemento do emprego, a mellora do nivel de vida e incentivar a actividade económica.
Segundo informaron este mércores, durante o pasado ano subvencionáronse 13 proxectos cun montante total de 876.555 euros de fondos públicos, que sumados ao investimento privado ha suposto un movemento económico de máis de 2,3 millóns de euros.
Foron iniciativas como a creación dunha fábrica de mobles en Campo Lameiro, cun orzamento aceptado de 493.926,87 euros dos cales a axuda alcanza o 45% ou a creación dunha escola de hípica en Ponte Caldelas, cun orzamento de 182.052,61 euros e un financiamento do 42,5%.
O maior orzamento de todos os proxectos foi para a ampliación dunha empresa instaladora de enerxía solar en Barro, que alcanzou os 640.728,95 euros dos cales se concedeu unha axuda de 42%.
Tamén están os proxectos para a creación dunha lavandería autoservizo en Ponte Caldelas, cun orzamento de 46.621 euros e unha axuda do 42%, a ampliación e modernización dun estudo de deseño industrial en Soutomaior, cun orzamento de 262.516 euros e unha axuda do 41,50% ou a creación dun aloxamento turístico en Verducido, cun orzamento de 280.467,42 euros e unha axuda do 41%.
A eles súmanse a ampliación e modernización do tanatorio de Moaña, cun orzamento de 352.584,52 euros e unha axuda do 41%, o equipamento para unha aula informática e de lectura na Lama, por 18.023,09 euros e unha axuda do 90% a creación dun local social e de formación en Sexide-Bueu, por 222.924,35 euros, e unha axuda do 39%.
Houbo tamén axudas para a creación de espazos biosaludables na Portela, no municipio de Barro, por 53.054,27 euros, subvencionado ao 39,5% e a creación dunha área biosaudable e deportiva en San Martín, en Vilaboa por 15.393,07 euros financiado ao 38% con fondos públicos.
Finalmente en Pontevedra concedéronse axudas ao 100% para a profesionalización e desenvolvemento da viticultura na Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo, por 8.591 euros.
Relacionadas:
-
Unha subvención do GDR impulsará dous proxectos empresariais en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Catro adegas comercializarán viño da IXP Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño |
-
O Grupo de Desenvolvemento Rural concede máis de 900.000 euros de axudas para proxectos
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan a empresas, turismo rural e comunidades de montes para informar das axudas europeas
Por Redacción |