O afectado pola explosión dunha queimada na Feira Franca de 2007 queda sen indemnización
Por Alejandro Espiño
"Entendemos o malestar por estar nunha festa e que ocurra un percance así, pero o Concello non ten responsabilidade niso". Así valoraba o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que exonera ao Concello de Pontevedra de indemnizar a unha persoa que acabou con graves queimaduras tras explotar unha queimada na Praza do Teucro durante a Feira Franca de 2007.
A sentenza, ante a que non cabe recurso e polo tanto é firme, entende que o suceso é froito dunha acción "imprevisible e imprudente" e que o sucedido "non garda ningún tipo de relación cos servizos municipais, tendo en conta que a queimada non figuraba no programa de actos festivos do Concello".
Reitera que o incidente produciuse "no ámbito privado" do demandante que se atopaba xantando cun grupo de amigos en La Tienda de Clara da Praza do Teucro, nun contexto insiste, "á marxe dos servizos municipais e do propio negocio onde comían". A eles responsabiliza da elaboración da queimada "con ingredientes e utensilios que eles mesmos levaron".
O maxistrado continúa argumentando que "foi unha persoa das que estaba na mesa a que achegou un garrafón con aguardente ao recipiente en chamas para vertelo, momento no que se introduciu a lapa no recipiente, inflamándoo, explotando e alcanzando a varios comensais".
Ademais das anteriores observacións, a sentenza definitiva tamén significa que sobre a identificación do autor imprudente, "o propio apelante mostrou o seu desinterese ao non recorrer o previo procedemento penal sen recorrer o seu arquivo" para interpoñer demanda contra o Concello de Pontevedra, malia que "ningún prexuízo pode derivárselle ao mesmo".
Esta sentenza do TSXG ratifica a decisión que, en primeira instancia, adoptara o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra. A vítima, Manuel Rodríguez Varela, solicitaba que o Concello de Pontevedra indemnizárao con máis de 470.000 euros polos días de baixa, polas secuelas e pola incapacidade permanente que lle causaron as queimaduras. Unha pretensión agora desestimada definitivamente polo xulgado.