A APDR critica que ENCE usou o desfile de Entroido como "instrumento de propaganda"
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) pide ao Concello de Pontevedra que modifique as bases do Entroido e impida que se poidan repetir situacións como a que se rexistrou este ano durante o desfile do sábado, no que a comparsa 'Os 100tolos' participou con publicidade de Ence.
A APDR critica que fixeron do desfile un instrumento de propaganda da pasteira, algo que non debería estar permitido nun evento como este.
O desfile é un dos dous feitos recentes que critica a APDR como parte da "campaña de lavado de imaxe que ENCE". O segundo é a exposición 'Patrimonio da nosa ría', organizada pola Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas e patrocinada por ENCE.
En relación con esta exposición, a APDR considera "especialmente grave" que esta empresa patrocine unha exposición na que se reivindica unha Ría que perdeu os seus principais valores ambientais, culturais e patrimoniais tras a súa instalación en Lourizán.
O colectivo critica que a empresa é "responsable en grande medida da contaminación da ría e da eucaliptización do país" e "vén desenvolvendo con ánimos renovados nos últimos tempos unha política que nunca ten abandonado e que basea na compra de vontades entre os colectivos sociais con dificultades económicas".
"Se Ence pensa que repartindo esmolas a colectivos, vai mellorar a súa imaxe ou vai conseguir ocultar as consecuencias negativas derivadas da súa presenza na Ría, debería ir tirando a toalla", mantén a APDR.
O colectivo critica esta política de ENCE e fai un chamamento aos colectivos sociais para que non acepten subvencións ou patrocinios de Ence. Ao respecto, opinan que a responsabilidade social e ambiental teñen que formar parte do ADN de calquera entidade que queira manter o rigor e a súa independencia, e non todo vale á hora de conseguir recursos.
Relacionadas:
-
Parada técnica anual desde o luns na fábrica de Ence en Lourizán
Por Redacción |
-
... E toma nota de quen levou os premios
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Non perdas detalle das máis de tres horas do desfile de Entroido 2018
Por Diego Torrado |
-
Tensa inauguración da mostra que aborda o papel que tivo a Ría de Pontevedra como motor económico
Por Mónica Patxot & Redacción |