O xefe de Oftalmoloxía do CHOP dimite no medio dun colapso na consulta por cataratas
Por Redacción
O xefe de servizo de Oftalmoloxía da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Pedro Corsino Fernández Vila, deixará o cargo o 28 de febreiro. A situación responde a unha solicitude de xubilación voluntaria que presentou el mesmo, pero no trasfondo está a saturación que está a vivir o servizo a raíz da acumulación de pacientes con cataratas.
A raíz do anuncio da súa xubilación voluntaria, a dirección da área sanitaria quixo deixar claro que "respecta" a decisión de dimitir e pedir a xubilación voluntaria e que "agradece" o seu traballo destes anos á fronte do servizo, pero tamén quixo aclarar cal é a situación actual do servizo.
Segundo explican, cando a actual dirección do CHOP chegou hai once meses xa detectou que había "algunhas cuestións de funcionamento que deberían resolverse" neste servizo, entre elas, unha "demora importante" na consulta de catarata á que os pacientes accedían despois de ser atendidos por un oftalmólogo nunha primeira consulta xeral e un "importante incremento" de inclusións en lista de espera cirúrxica para intervención de catarata.
Isto estaba a ocasionar un incremento da demora nesta cirurxía e pediuse unha solución ao xefe de servizo. A proposta que fixo para diminuír esas esperas, e máis concretamente a de cirurxía, contemplaba exclusivamente a vía de programar actividade extraordinaria cirúrxica de forma estable para o servicio de Oftalmoloxía.
A dirección propuxo implantar medidas de mellora na xestión e da organización das consultas para poder dar resposta en xornada de mañá, pero el non foi por esa liña, segundo a versión que facilita a xerencia da área sanitaria.
A dirección tamén aclara que puxo en marcha a adhesión do servizo de Oftalmoloxía ao protocolo de inclusión en lista de espera cirúrxica para catarata, protocolo consensuado polos diferentes xefes de servizo de Oftalmoloxía do Sergas e aprobado hai uns meses pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, pero Pedro Corsino Fernández Vila "puxo reparos" e "aínda non está consolidado no servizo".
A xefatura do servizo de Oftalmoloxía, que quedará vacante a partir do vindeiro 1 de marzo, será convocada mediante un concurso público coa maior brevidade posible.
Relacionadas:
-
SOS Sanidade Pública pide transparencia nas listaxes de espera dos hospitais
Por Anxo Lourido |
-
Os socialistas levan ao Parlamento a saturación do servizo de Oftalmoloxía
Por Oskar Viéitez |
-
A Asociación pola Defensa da Sanidade Pública incide nas críticas á "maquillaxe" das listaxes de espera
Por David Arana |
-
O Sergas destaca os tempos de resposta aos doentes nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Oftalmólogos de España e Portugal 'actualizarán' coñecementos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |