A Asociación pola Defensa da Sanidade Pública incide nas críticas á "maquillaxe" das listaxes de espera
Por David Arana
Tan só uns días despois do anuncio da dimisión de Pedro Corsino Fernández Vila, xefe de oftalmoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), ligada estreitamente ás denuncias pola manipulación das listaxes de espera neste ámbito, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) lanzou un comunicado no que denuncia a relación entre estes feitos e o estado precario en que se atopa a sanidade galega hoxe en día.
Desde a AGDSP quixeron destacar que a denuncia por parte dun profesional do propio sistema non fai máis que corroborar a maquillaxe das listaxes de espera, na que se dá prioridade aos pacientes destinados a centros privados e concertados, derivando ao resto de pacientes a novas consultas a cotío cun ano de diferenza coa anterior, sen sequera incluílos na lista de espera cirúrxica. Estas prácticas terían como obxectivo a total privatización do sistema de atención sanitario, segundo indican os defensores da Sanidade Pública Galega.
A asociación reitera a súa esixencia de transparencia nas listaxes de espera, así como o reposto dos recortes en persoal e o pleno uso dos recursos hospitalarios, todo co obxectivo de poder gozar dunha sanidade pública de calidade.
Relacionadas:
-
Gonzalo Caballero acusa á Xunta de "marear a perdiz" e non avanzar co novo Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas levan ao Parlamento a saturación do servizo de Oftalmoloxía
Por Oskar Viéitez |
-
O xefe de Oftalmoloxía do CHOP dimite no medio dun colapso na consulta por cataratas
Por Redacción |
-
O Sergas destaca os tempos de resposta aos doentes nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |