'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A sección de opinión do diario El País deste luns inclúe 12 firmas, das que cinco son mulleres. En La Voz de Galicia e Faro de Vigo, a representación feminina é dunha de dez. En Diario de Pontevedra, unha de seis. As cifras son extrapolables ás páxinas de calquera xornal español calquera día do ano e aos espazos de faladoiro de todos os radios e televisións e unha proba de que as mulleres están tan infrarrepresentadas e invisibilizadas no xornalismo de opinión como no resto dos sectores profesionais.
A pesar de estar silenciadas, hai mulleres que escriben opinión e pelexan día a día para facerse un oco neses espazos. Elas serán as protagonistas do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', un encontro de mulleres columnistas que os días 2 e 3 de marzo converterá Pontevedra na capital do columnismo feminino. Demostrará que dar ás mulleres a voz que se lles tenta silenciar desde postos directivos pode ser perigoso, pois poden empezar a lograr que se escoiten ideas que deriven nunha sociedade na que todas as persoas e opinións conten o mesmo.
A cita xa se deu a coñecer nos últimos días, pero este luns desvelouse o programa. Rosa Montero, Ana Pardo de Vera, Elisa Beni, Lucía Taboada, Marta García Aller, Celia Blanco, Ana I. Bernal Triviño, Anita Botwin, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, María Varela, Enma Gascó e Diana López Varela son esas 13 relatoras que reflexionarán sobre a realidade do xornalismo de opinión, elevando tamén á actualidade temas de debate que habitualmente adoitan ser silenciados nas voces masculinas como o acoso, os malos tratos ou a maternidade.
O programa conxuga relatorios individuais con entrevistas cruzadas e coloquios e caracterízase por ser interxeracional para permitir dar voz ao amplo abano de mulleres columnistas que hai en España, cos seus diferentes perfís profesionais e das temáticas que abordan. Pode consultarse íntegro nesta ligazón.
O logro é de dúas mulleres xornalistas, Susana Pedreira (Onda Cero) e Diana López Varela, que tiveron desde o principio o apoio do Concello e a Deputación de Pontevedra. Este luns, déronllo publicamente o alcalde e a presidenta provincial, Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva nunha rolda de prensa de presentación na que tampouco faltaron a concelleira pontevedresa de Igualdade, Carmen Fouces, e a deputada provincial do ramo, Digna Rivas. Acompañounos María Varela, columnista e redactora xefa de Diario de Pontevedra, e unha das poucas mulleres xornalistas que fan opinión a nivel local
Susana Pedreira, en representación da organización, explicou que con este foro quixeron trasladar á realidade a indignación que proliferou nas redes sociais a partir do verán pasado a raíz do II Congreso Capital do Columnismo celebrado o pasado outubro en León. Meses antes, ao darse a coñecer que todos os participantes serían homes, empezara un movemento nas redes sociais co hashtag #HayMujeresColumnistas que reivindicaba que sen mulleres columnistas non se sostén o columnismo e seguiu vivo a pesar de que finalmente se cambiou o cartel para dar oco a cinco mulleres entre os 25 participantes.
Esa indignación xerminou no encontro deste mes de marzo en Pontevedra, no que se utilizará o hashtag #HayMulleresqueOpinan e as organizadoras aspiran a encher o Teatro Principal e a converter en Trending Topic un lema en galego e en feminino, e o nome de Pontevedra como referente para dar ás mulleres a visibilidade que merecen. Entre todas as participantes, suman máis de medio millón de seguidores nas redes sociais.
A asistencia é libre e gratuíta ata completar aforamento, pero as persoas interesadas poden preinscibirse xa a través desta ligazón.
Relacionadas:
-
Catro anos e unha pandemia despois nace o libro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pepa Bueno, Ana Romaní e Tareixa Navaza, xornalistas de referencia en 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Almu Dapena & Anxo Lourido |
-
Contra o machismo nos medios de comunicación
Por Redacción |
-
As #MulleresqueOpinan nos medios de comunicación toman Pontevedra
-
A Deputación ofrecerá unha mostra rompedora con Barbies reivindicativas, que aspira a ser "secuestrada"
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra demostrará que #HayMujeresColumnistas
Por Alejandro Espiño |