O goberno local rexeita o Plan especial para o Porto de Marín
Por Anxo Lourido
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, indicou que se aprobaron as alegacións ao Plan especial para o Porto de Marín cos votos favorables do BNG e do PSOE e coa abstención do Partido Popular.
O Plan especial promovido pola Autoridade Portuaria e tramitado pola Xunta de Galicia elaborouse para dar solución á sentenza de 2009 do Tribunal Supremo que declaraba nulo o Plan especial do ano 2000 e obrigaba á Autoridade Portuaria, á Xunta de Galicia e á Deputación a pagar a retirada de máis de 300 mil metros cadrados de recheo aprobados nese plan.
Pero o Concello emite un informe desfavorable a este Plan que a Xunta ven de aprobar inicialmente. O Goberno local rexeitao porque non aparece o deslinde entre Pontevedra e Marín e iso, considera Antón Louro, pode provocar inseguridade xurídica. Pero ademais numerou unha serie de deficiencias de procedemento e indicou que non se recollen previsións de futuras ampliacións con incidencia no banco marisqueiro de Praceres nin das correntes marítimas. Do mesmo xeito, alegan que non se analizan as necesidades de subministración de auga. O concelleiro de Urbanismo apuntou que nin a Autoridade Portuaria nin as empresas portuarias pagan a auga ao Concello de Pontevedra. Antón Louro afirma que a débeda ascenda case a un millón de euros.
O concelleiro indicou que a Autoridade Portuaria e a Xunta queren aprobar un Plan Especial case idéntico ao que foi anulado polo Tribunal Supremo.
Actitude electoralista
Pola súa parte, o representante popular na comisión de Urbanismo, Ricardo Aguilar, entende que o informe desfavorable do goberno local ten "carácter electoralista". Asegurou que nunca foi convocada a Comisión para afrontar o deslinde entre Pontevedra e Marín dende que en 2007 foi nomeado membro desa Comisión.
Para Aguilar resulta "simpática" a alegación da débeda do millón de euros polo impago do abastecemento de auga pero non entende que se presente ante este Plan.
E xustificou que o Partido Popular se abstivera en lugar de votar en contra "porque hay documentación que debe venir más completa".