Convocan un peche de 17 horas no IES Torrente Ballester contra a Lei Wert
Por Anxo Lourido
Este venres 26 de abril ás 5 da tarde iniciarase un peche no Instituto de Ensino Secundario Torrente Ballester en contra da nova Lei orgánica de mellora da calidade educativa (LOMCE) que o Goberno quere aprobar. Este peche finaliza un ciclo que a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público foi desenvolvendo nas principais cidades galegas durante as últimas semanas.
Á presentación deste acto de protesta asistiron Xacobe Rodríguez e María Rodríguez da CIG, ademais de Anxos Riveiro do BNG e representantes de Galiza Nova e da Liga Estudantil Galega, colectivos integrados na Plataforma Galega, para afirmar que a aprobación desta Lei Orgánica retrotrae 30 anos á educación pública.
Durante o peche vai lerse un manifesto en contra da aprobación desta Lei que, segundo afirman, ataca laboralmente os profesores e presentará un ránking de centros mercantilizando, en palabras de María Rodríguez, a educación. Dende a Plataforma denunciase, entre outras cuestións, que "van ampliarse os concertos educativos e legaliza o acordo con aqueles centros, case todos do OPUS, que segregan o alumnado por sexo". Ademais lamentan que no texto non se contemple a educación infantil entre 0 e 6 anos.
O peche comezará ás 17.00 horas do vernes 26 e continuará ata as 10 da mañá do sábado 27 de abril. Tras a lectura do manifesto ás seis da tarde van proxectarse dous documentais. Dende a plataforma reclaman o apoio de todos os cidadáns porque "isto é a puntilla dos recortes".
Para o 9 de maio está prevista unha folga nos centros educativos con concentracións, nas principais cidades galegas, ás 11:30 da maña.