Pontevedra será o epicentro mundial do encaixe de bolillos
Por Oskar Viéitez
Con isto da crise facer encaixe de bolillos púxose de moda. Pontevedra converteráse este fin de semana no epicentro mundial desta arte. Desde logo non falamos de economía senón da técnica de tecer de xeito laborioso cun conxunto de fíos.
A Asociación A Fieitiña de Monte Porreiro celebra este domingo 28 de abril a oitava edición do Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra, unha cita que este ano reunirá a máis de 1.100 artesanas.
A directiva desta asociación presentou este martes ao alcalde de Pontevedra o programa do encontro e entregoulle como agasallo un par de botellas de augardente "engalanadas" con este famoso encaixe. Así mesmo mostráronlle o escudo da cidade que foi elaborado para o estandarte da asociación. Os seus representantes, Esperanza Marín, Teresa Pérez e Mercedes Torres recordaron con orgullo cada vez son máis profesionais neste colectivo implicándose en novos retos, como profundar no estudo do encaixe, ou a redacción do seu segundo libro sobre os bolillos.
Respecto da data escollida, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que ''é un día complicado porque coincide coa proba de duatlon'', pero afirmou que ''isto e moi positivo para a cidade, ó que temos é que organizarnos ben''.
Acudirán a esta prestixiosa cita palilleiras de toda España e ata algunhas procedentes de Italia, Uruguai, Portugal e Alemaña.
Durante a xornada, haberá postos de venda de encaixe e de utensilios para facelo, ademais de demostracións das diversas técnicas e talleres de iniciación e dúas exposicións de traxes rexionais e de época feitos con encaixe.