Detectan que os adolescentes só identifican claramente o maltrato coa violencia física
Por Alejandro Espiño
Aos mozos de Pontevedra cústalles identificar de forma clara o maltrato se este non vén acompañado de violencia física. É a principal conclusión que reflicte o balance do programa nAmorAndo, unha intervención escolar de prevención da violencia machista que o Concello desenvolve nos institutos da cidade.
A idade media do alumnado de Secundaria que participou en nAmorAndo é de 15,6 anos e a metade deles teñen ou tiveron parella nalgún momento.
Os adolescentes téñeno claro cando se trata de agredir fisicamente á parella, empurrar ou losquear no transcurso dunha discusión, obrigar a ter relacións sexuais sen apetecerlle ao outro ou insultar, humillar e facer calar a outra persoa en público ou en privado. Entenden que todos estes comportamentos é maltrato.
Pero a claridade non é tal se falamos de dicir como debes vestirte ou comportarte, de agresividade ou dano no xogos amoroso e sexual, de enfadarse se saes con amigos, de quererte só para el, de comportarse de forma agresiva por algo que para ti non tiña importancia, de deixar de falar durante días a túa parella porque fixo algo que non che gustara, de ignorar sempre os seus desexos ou de menosprezar as súas opinións.
Ademais, eles teñen máis dificultade que elas para identificar todas estas situacións como violencia de xénero e os adolescentes con parella moito máis que aqueles que nunca a tiveron ou non a teñen hoxe en día.
O traballo realizado ao abeiro do programa nAmorAndo amosa, un ano máis, que entre os adolescentes persisten crenzas do amor romántico do tipo "as persoas cambian por amor", "a miña parella debe saber todo sobre min" ou "non hai amor verdadeiro sen sufrimento".
Entre os rapaces, os monitores continúan a detectar comportamentos como o control do teléfono e das redes por parte de parella, en chamadas permanentes para saber onde está o outro, no enfado se saes con amigos ou nos celos como unha proba de amor.
En nAmorAndo-2017 participaron 309 estudantes de 4ª curso de Primaria dos CEIP Xunqueira I, Xunqueira II, Barcelos, Álvarez Limeses, Cabanas-Salcedo, Vilaverde-Mourente, San Bieito de Lérez e Príncipe Felipe e 345 alumnos de catro institutos: Xunqueira I, Xunqueira II, Sánchez Cantón e Luis Seoane.
O obxectivo do programa é que os nenos e os adolescentes medren, se formen e relacionen como iguais e que formen parte activa da loita contra a violencia de xénero, ben cambiando actitudes ou rexeitando estereotipos e roles sexistas e mesmo aprendendo a cuestionar a visión do amor baseado no concepto de amor romántico que perpetúa a ideoloxía machista.
Sesións con música, curtas, fragmentos de películas, role-playing, teatro ou xogos serviron para promover o debate e reflexión sobre os comportamentos machistas, as relacións de parella -baseadas moitas veces nos mitos do amor romántico- e a violencia de xénero.