A Festa do Caldo de Mourente quere unificarse co Entroido de Pontevedra
O sábado 10 e o domingo 11 de marzo terá lugar a XXVII edición da Festa do Caldo de Mourente. Cada segunda fin de semana de marzo, a parroquia de Mourente celebra a festa en honra ao seu tradicional caldo. Conta con 140 confrades de toda España e reúne a máis de 5.000 visitantes.
A confraría do Caldo de Mourente, que presentaba este mércoles esta nova edición, amosaba o seu desexo de que a festa sexa asumida polo Concello de Pontevedra, dada a súa celebración en datas próximas co Entroido e así, asociar ambos os festexos. Para iso estarían dispostos a cambiar a data da súa festividade. Tamén está a traballar por facer a festa de interese turístico galego.
O caldo cociñarase de forma tradicional, para iso empregaranse 14 potas e 8 tarteiras de entre 60 e 100 litros, comezando coa súa elaboración o sábado ás 5 da mañá. O domingo ás 15:00 horas poderase degustar por un prezo de 2 euros o cunco e 5 euros a cazola, nas carpas que se instalarán.
Este ano, o pregoeiro será o xornalista e escritor Xosé Luís Blanco Campaña e farase unha distinción a Protección Civil pola súa colaboración. O pote de prata outorgaráselle a Pilar Abilleira Muñiz, de 80 anos, pola súa dedicación á festa durante a súa vida.
Como en cada edición nomearase a novos confrades, nesta ocasión atoparanse personalidades que representarán á Brilat, á Garda Civil e ao Concello, entre outras entidades.