Investimentos de máis de 4 millóns de euros para campos de fútbol, reforma de viais e programas para menores
Por Redacción
En Xunta de Goberno local extraordinaria do Concello de Pontevedra aprobouse a contratación de seis obras e o inicio de licitación doutras cinco por valor duns catro millóns de euros.
Adxudicábase a mellora lumínica da parroquia da Canicouva e dos lugares de Acevedo e Rañadoiro, ambos en Ponte Sampaio, por un valor de 195.415 euros á empresa Setga. O prazo para executar a obra é dun mes. Con esta mellora complétase o cambio a iluminación led, que supoñerá un aforro enerxético, diminución de avarías, menos CO2 e unha diminución da contaminación lumínica. Bora será a seguinte parroquia que asumirá este cambio de iluminación.
Tamén se adxudicaba, á empresa E.C. Casas, a rehabilitación da vía que une Muíños e Ferreirós na parroquia de Campañó por valor de 75.500 euros, cun prazo de execución de tres meses.
A mellora da accesibilidade na contorna do IES Torrente Ballester será realizada pola empresa E.C. Casas por 240.000 euros e un prazo de execución de catro meses. A idea é priorizar aos peóns fronte aos vehículos nesa contorna que afecta as rúas Herminia Fariña Cobián, Pintor Manuel Colmeiro, Pintor Virxilio Blanco, Urbano Lugrís e Bibiano Fernández-Osorio Tafall.
Ademais, saíu a contratación o proxecto do parque infantil de Campolongo por un valor de 300.000 euros e tres meses de adxudicación. Raimundo González, portavoz do goberno local, espera que se execute a finais de verán. A proposta contempla tres zonas cun espazo para menores de seis anos; outro a partir de seis anos con tirolina e un gran tobogán de 6 metros de altura, ademais dunha zona de convivencia para adultos.
Tamén sae a contratación o plan de atención familiar a menores por valor de 99.000 euros ao ano cun prazo de catro anos e a posible prórroga doutro máis. Ata agora o servizo estaba xestionado por Meniños, que no ano 2016 atendeu a 90 menores de 60 familias.
Por outra banda, aprobábase a contratación do proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Campañó por valor de 999.437 euros. Executarase en 6 meses en terreos cedidos pola comunidade de montes. O campo cumprirá os parámetros Fifa Quality, segundo apuntou González.
Tamén se aprobaba a contratación do proxecto do campo de fútbol de Ponte Sampaio por valor de 1.397.120 euros. O goberno local espera que este ano a nova instalación atópese finalizada para a práctica deportiva.
Relacionadas:
-
O Concello confía en que Campañó e Ponte Sampaio teñan campo de fútbol novo a finais de ano
Por Alejandro Espiño |
-
Ás obras dos campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio sáenlle 21 candidatos
Por Redacción |
-
Bora cambia ao LED cunha renovación de toda a súa iluminación pública
Por Alejandro Espiño |
-
A construción do novo campo de fútbol de Ponte Sampaio permitirá recuperar unha zona de ribeira
Por Redacción |
-
Silva e Lores asinan un convenio de 2,4 millóns para financiar dous campos de fútbol
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Licitan por 300.000 euros a construción do parque infantil de Campolongo
Por Alejandro Espiño |