As #MulleresqueOpinan nos medios de comunicación toman Pontevedra
Máis do 60% dos graduados en xornalismo pertencen ao xénero feminino, pero tan só un 20% das sinaturas en artigos de opinión en medios nacionais e locais corresponden a mulleres. Dúas realidades postas encima da mesa durante a primeira xornada do encontro de columnistas que se celebra desde este venres en Pontevedra, 'As mulleres que opinan son perigosas'.
Este foro de acceso libre xorde como resposta ao Congreso Nacional de Columnistas celebrado en León durante o mes de outubro de 2017. Naquela cita de profesionais da opinión non foi convocada ningunha muller, un feito que causou indignación en redes sociais e fíxose viral mediante o hashtag #haymujerescolumnistas. Tras o balbordo en redes, os organizadores tentaron solucionalo. Non o conseguiron. Finalmente só cinco dos 25 relatores citados ao evento pertencían ao xénero feminino.
As xornalistas Susana Pedreira e Diana López, organizadoras do foro que se celebra no Teatro Principal, decidiron "converter esta reivindicación en acción", organizando este encontro en Pontevedra, no que trece mulleres relatoras reflexionan acerca da realidade do xornalismo de opinión en España, con temas como a opinión en medios locais, o acoso en redes sociais, o papel da muller xornalista e, por extensión, o feminismo como ferramenta contra este tipo de discriminación.
Estas mulleres abríronse camiño como xornalistas, columnistas, escritoras ou profesoras, en mundos que aínda se atopan dominados por homes, segundo denuncian. Rosa Montero, Elisa Beni, Ana Bernal, Lucía Taboada ou Celia Blanco son algunhas das profesionais dos medios que expoñen durante esta fin de semana a súa visión, as súas experiencias e vivencias nun ámbito que, como relataba unha das organizadoras, Diana López, "pon moitas trabas e obstáculos" ao traballo da muller.
A mañá inaugural iniciábase cunha mesa redonda entre as organizadoras, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación Carmela Silva. A máxima representante provincial quixo, desde a súa propia experiencia e mediante fotografías, mostrar a escasa ou mesmo nula presenza de mulleres en actos institucionais oficiais de relevancia. Mulleres, como sinalou, "totalmente invisibilizadas" e que merecen o seu sitio nos diferentes ámbitos da sociedade. Lores, pola súa banda, sinalou a importancia de "ser conscientes de que existe unha realidade machista na sociedade".
"As mulleres que opinan poden resultar perigosas porque ameazan a orde do establecido"
O encontro conta coa presenza de numerosos representantes de medios de comunicación locais e nacionais. María Varela, redactora xefe no Diario de Pontevedra e premio Francisco Fernández del Riego polo seu artigo 'Cóxegas e tortas', ofrecía un relatorio sobre a opinión en medios locais. Varela recolleu comentarios de diversas opinadoras de distintos medios e quixo citar unha frase dunha das columnistas de PontevedraViva, Cristina Ogando, que afirma que "as mulleres que opinan poden resultar perigosas porque ameazan a orde do establecido". Pola súa banda a xornalista e profesora na Universitat Oberta de Catalunya, Ana I. Bernal, apuntaba que "a presenza das mulleres neste ámbito segue sendo minoritaria" e que a muller segue sendo, por opinar publicamente sobre temas como a política, "un obxectivo moito máis fácil de atacar".
Natalia Puga, xornalista de PontevedraViva, participaba nestas xornadas presentando a intervención de Elisa Beni, que foi a directora máis nova dun diario español. A relatora analizou a opinión en procesos xudiciais mediatizados.
O encontro continuará o sábado coa participación de profesionais do mundo da comunicación como Fernanda Tabarés, Diana López Varela, Lucía Taboada, Celia Blanco, Inma López Silva ou Ana Pardo de Vera, entrevistada por María Obelleiro.
Relacionadas:
-
Catro anos e unha pandemia despois nace o libro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pepa Bueno, Ana Romaní e Tareixa Navaza, xornalistas de referencia en 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Almu Dapena & Anxo Lourido |
-
Falan as publicistas: "É un sector masculino no que as mulleres teñen que demostrar o dobre"
-
RADIO.- Cara a cara: Especial 8M coas #MulleresQueOpinan
Por Noelia Torres Pintos |
-
RADIO.- En PontevedraViva Radio, o 8-M e as mulleres son as protagonistas
Por Redacción |
-
Contra o machismo nos medios de comunicación
Por Redacción |
-
'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra demostrará que #HayMujeresColumnistas
Por Alejandro Espiño |