O Messi do socorrismo forma aos alumnos do Campus en primeiros auxilios
Por Oskar Viéitez
O director médico de Sobrasa-Brasil, David Szpilman, afondou no problema de seguridade que supoñen os afogamentos para as actividades deportivas e recreativas nun relatorio para máis de 200 alumnos dos Graos de Educación Infantil, Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Era un dos relatorios máis agardados logo de que se fixese público, esta fin de semana, o incidente dun alumno na facultade mentres xogaba un partido de fútbol. Despois disto, tal e como comenta Roberto Barcala, coordinador das xornadas "a concienciación do alumnado foi, se cabe, aínda maior". Un feito ao que se suma "a oportunidade de escoitar e debater con todos os conferenciantes, incluído Szpilman, o Messi do salvamento e o socorrismo", subliñou.
Barcala inisitiu en que "é necesario formar ao alumnado, tanto do ámbito do deporte coma da educación, en materia de primeiros auxilios e emerxencias ao careceren deste tipo de formación nos seus plans de estudos".
En sesión de mañá e tarde nas xornadas dirixidas específicamente ao alumnado de Actividade Física e do Deporte tamén participou o profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, José Palacios Aguilar; o coordinador do servizo de socorrismo de Santiago do Teide, Adolfo García Jiménez; o licenciado en Medicina e director da Policía, Bombeiros, Protección Civil e ambulancias do Concello de Bilbao, Andoni Oleagordia Aguirre; o coordinador do Servizo de Socorrismo do Concello de Vigo, Carlos Vales Porto; e o licenciado en Medicina e membro do Consello Español de Resucitación, Antonio Caballero Oliver.
A maiores, a formación complementouse cunha serie de obradoiros nos que participaron, ademais dos alumnos, algúns dos ponentes e o profesorado.