O 8 de marzo, "un arco iris" de decencia para a humanidade
Por Alejandro Espiño
"Non estamos dispostas a vivir nun mundo que non conta con nós". Así de rotunda mostrouse este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Foi durante a lectura dun manifesto que puxo fin á concentración que, unhas duascentas persoas, maioritariamente mulleres, protagonizaron diante do Pazo Provincial. Un acto reivindicativo dentro dunha xornada de folga que é "necesaria e imprescindible".
O paro feminista, que se celebra por vez primeira en España, está a ser "un canto de igualdade e liberdade para toda a humanidade", segundo Carmela Silva.
"Temos centos de razóns para facer unha folga que é tamén un chamamento contra os comportamentos machistas", asegurou a presidenta, que destacou que este 8 de marzo vai a ser recordado como o día na que as mulleres do noso país "decidimos alzar a voz e ser protagonistas da loita para desmontar un sistema baseado na desigualdade".
Na súa intervención, Silva recordou que a fenda salarial entre homes e mulleres en España é do 22%, que as mulleres teñen pensións ata 40 puntos máis baixas ou que a súa presencia en postos directivos é "residual". O actual sistema patriarcal, engadiu a presidenta provincial, "non nos quere ver en situacións de poder".
Carmela Silva, a única muller que preside unha deputación en Galicia, terra na que apenas un de cada dez concellos ten alcaldesa, tamén dedicou parte do seu tempo a recordar os "intolerables" datos da violencia machista no noso país.
"Ás mulleres estanos asasinando", asegurou, tras recordar ás 55 mulleres mortas pola violencia machista no ano 2017. De aí que reclamara que "basta xa" e que instara a todas as mulleres a "tomar as rendas do seu futuro", ao entender que "só os feitos, e non as palabras, poden cambiar as cousas".
Movementos colectivos como o que se está a dar este 8 de marzo, destacou, "están tecendo un manto para cubrir o planeta coa palabra igualdade" e deben contribuír a construír unha sociedade "para todos" na que homes e mulleres "teñamos os mesmos dereitos".
"Queremos a metade de todo porque somos a metade da poboación", concluíu.
Na lectura deste manifesto, Carmela Silva estivo acompañada polas deputadas do PSdeG-PSOE e do BNG do seu goberno, así como por numerosas personalidades como a deputada Patricia Vilán ou a secretaria xeral do PSOE pontevedrés, Maica Larriba.
Na concentración tamén participaron, ademais de traballadoras da Deputación, representantes de colectivos sociais ou numerosas alumnas dos institutos da cidade, concelleiros do Partido Popular de Pontevedra, con Jacobo Moreira á cabeza; a portavoz de Cidadáns, María Rey; ou edís do PSdeG-PSOE como Agustín Fernández ou Paloma Castro.
Relacionadas:
-
E Pontevedra volveu saír á rúa para defender o feminismo
Por Diego Espiño |
-
O xornalismo de Pontevedra, sen voces femininas no 8 de marzo
Por Alejandro Espiño |
-
Mobilización histórica das mulleres pontevedresas
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
CCOO e UXT denuncian a "pasividade do goberno" en políticas de igualdade
Por Diego Espiño |
-
A Deputación 'rompe' cos estereotipos de xénero cunha exposición "provocadora" pola igualdade
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
A mulleres do goberno provincial secundarán a folga feminista do 8-M
Por Diego Espiño |