Pechan as sucursais de Caja España e Caja Duero en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Unha nova entidade bancaria abandona o mercado pontevedrés. Trátase do Banco CEISS, a entidade xurdida trala fusión de Caja España e Caja Duero. Pechará as dúas sucursais que ten en Pontevedra, as situadas nas rúas Cobián Roffignac e Augusto González Besada, despedindo aos seus sete traballadores. Esta decisión enmárcase nun amplo plan de restruturación que afecta ás 30 oficinas que o banco ten en Galicia.
O peche vén provocado pola decisión dos responsables do Banco CEISS de converter a entidade nun banco rexional e centrar o seu negocio na banca minorista. Abandonará os seus plans de expansión e reducirá nun 32 por cento a súa rede de oficinas actual, segundo fontes sindicais.
Dúas delas están en Pontevedra e unha terceira na Praza da Independencia de Vilagarcía de Arousa. Pecharán antes do 31 de decembro de 2014. Aínda que este calendario podería acelerarse en función do volume de negocio de cada unha delas. En Pontevedra, perderán o seu traballo os tres traballadores de Caja Duero e os catro da sucursal de Caja España.
Polo momento, ambas oficinas traballan con total normalidade, pero os seus traballadores concentráronse este xoves ante as portas das súas respectivas oficinas para protestar por este plan de restruturación presentado polo banco. Mañá, venres, repetirán esta concentración ante as oficinas durante un cuarto de hora ao mediodía. Polo momento, as sucursais continúan atendendo os seus clientes con normalidade.
En total en Galicia despedirán a unhas 150 persoas e deixarán de prestar servizo aos máis de 40.000 clientes que ten na nosa comunidade. Só manterase unha sucursal por provincia, denominada "oficina liquidadora de negocio", que no caso da provincia de Pontevedra terá a súa sede en Vigo, cidade onde Caja España e Caja Duero teñen unha maior implantación.
Desde os sindicatos denuncian a "discriminación" que supón tanto para traballadores como clientes o peche de todas as oficinas en Galicia, ao mesmo tempo que se manteñen, por exemplo, as de Castela e León, Madrid ou Estremadura. Por iso é polo que convoquen unha serie de paros parciais e protestas a nivel autonómico que comezarán o próximo 29 de abril cunha concentración diante a oficina de Banco Ceiss na rúa Fernández Latorre da Coruña.
Pretenden así, igual que os seus compañeiros no resto do país, presionar á empresa antes da última reunión para negociar o ERE extintivo, prevista para o 9 de maio. Entenden que o peche destas oficinas débese á oferta de compra que fixo Unicaja e que poría como condición, segundo os sindicatos, adelgazar a rede de oficinas da entidade.