Os alcaldes de Vilagarcía, Caldas e Portas concretan os trámites para executar a Vía Verde do Salnés
Por Redacción
A Vía Verde do Salnés está máis preto de converterse en realidade para dar un novo uso e vida ao vello trazado de ferrocarril entre Vilagarcía e Portas.
Unha vez comprometida o financiamento coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, os alcaldes dos tres municipios implicados, Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas, desprazáronse a Santiago para concretar coa administración autonómica o procedemento legal a seguir para a execución do proxecto.
Alberto Varela, José Manuel Rey e Víctor Estévez reuníronse coa directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia para concretar os pasos para seguir, tendo en conta que se trata duns trámites complexos ao implicar a diferentes administracións.
Segundo explicou a representante de Patrimonio, a Consellería de Medio Ambiente pretende financiar a súa parte da Vía Verde a través de Fondos Feder, polo que para xustificar a subvención ante os organismos europeos a Xunta debe licitar directa e individualmente a parte da obra que financiará. O resto podería licitala a Deputación de Pontevedra. Para articular a concesión destas axudas será necesario ademais asinar un convenio de colaboración das administracións locais coa Xunta de Galicia e coa Deputación.
O proxecto para a creación da Vía Verde do Salnés está orzado en 565.533 euros, destinados a rehabilitar unha senda que parte do lugar de Abelle, en Vilagarcía, e termina na estación de tren de Portas, cun total de 9.195 metros de percorrido.
A actuación prevista contempla o acondicionamento das vellas vías do tren para converter a súa plataforma nunha senda de uso peonil e ciclista, ademais de dotar ao trazado de diferentes equipamentos e crear dous miradoiros en puntos sinalados.
Algúns deses lugares de interese serán o Pazo de Rubiáns, o antigo apeadeiro de Ande, a ponte metálica sobre o río Umia ou a Azucreira de Portas, ademais do propio atractivo etnográfico e natural da zona.
Relacionadas:
-
As máquinas empezan a traballar no medio dun novo capítulo do "culebrón da Vía Verde do Salnés", que xa dura dous anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pistoletazo de saída para acondicionar a Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente colaborará na vía verde ferroviaria que unirá Portas, Caldas e Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a investir 200.000 euros na Vía Verde do Salnés
Por Redacción |
-
Os técnicos empezan a traballar no proxecto da Vía Verde Vilagarcía-Caldas-Portas
Por Redacción |
-
Salva o Tren alerta de que a Vía Verde supón "aniquilar" o desenvolvemento das comunicacións ferroviarias da comarca
Por Redacción |