Ponte Caldelas pide á Sareb que repare os danos do temporal no valado do balneario
Por Redacción
O paso do temporal Félix durante a pasada fin de semana deixou consecuencias en Ponte Caldelas que agora será necesario reparar. Unha das máis graves foi un burato no valado da parcela do balneario que o Concello xa sinalizou e pechou provisionalmente, pero na que se fan precisas actuacións qjue corresponde á Sareb.
Segundo informou o Concello, a brigada municipal de obras pechou a parcela e tamén realizou outras obras de emerxencia como a retirada dunha árbore caída e cortar e retirar outra media ducia que estaban tumbadas contra a calzada. A zona afectada coincide na curva na que a estrada cambiou de trazado, polo que non foi necesario cortar o tráfico.
O goberno local remitirá agora unha nova orde de execución á sociedade pública Sareb para que repare o valado inmediatamente, pois a diferencia de cota existente entre a beirarrúa e as inacabadas obras da estrutura do balneario provocan un risco evidente para os peóns.
Ademais, está a valorar o prezo dos traballos para cortar as árbores da zona e da limpeza realizada co obxectivo de estudar repercutir os custos á Sareb.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a zona e comprobou o perigo que supón o oco producido durante a tarde deste domingo. Tamén comprobou que algunhas das planchas do valado metálico saíron voando cara o interior da parcela, onde permanecen, e que o propio valado presenta danos nalgunhas zonas produto de actos vandálicos.
As actuacións máis urxentes son restituír as planchas que faltan e reparar as que están dobradas ou medio desprendidas.