O colexio grovense Rosalía de Castro terá comedor o próximo curso
Por Redacción
A Consellería de Educación e o Concello do Grove colaborarán co obxectivo de poder dotar ao CEIP Rosalía de Castro dun comedor o próximo curso educativo.
Ambas administración chegaron este xoves a un acordo, nunha reunión na que estiveron presentes o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como o alcalde meco, José Cacabelos, a directora do centro, Elena López, e os responsables dos equipos de Inspección e da Unidade Técnica da Xefatura Territorial.
O obxectivo a medio-longo prazo é demoler as vivendas de profesores deste colexio para construir un comedor e un ximnasio. Esta obra "realizarase unha vez que se remate o traballo de desocupación das vivendas, dúas delas aínda ocupadas", explicou Pérez Ares.
Ademais, mentres non se leve a cabo a nova obra, manteranse nas vivendas dos mestres a aula actual e o local da ANPA. De feito, o concello comprometeuse a facer chegar á Xunta un informe da Policía Local co obxectivo de saber os dereitos adquiridos polas persoas que aínda seguen a utilizar estas dúas vivendas.
Educación e concello do Grove acordaron firmar un convenio de colaboración económica de cara a que ambas administracións colaboren na execución desta obra, moi demandada pola comunidade educativa.
"Pero como somos coñecedores da elevada demanda dun comedor por parte dos pais e nais deste colexio, acordamos instalar no patio un módulo prefabricado, cofinanciado co concello, como os que xa existen en varios centros da provincia, de cara a dar servizo ás familias", explicou Pérez Ares.
O máximo interese de ambas administracións é que este comedor estea listo para o próximo curso, "e imos a traballar para conseguilo, aínda que os prazos estean axustados".
Durante a reunión tamén se informou ao concello da desafectación favorable da escola infantil de Monte da Vila.