As gastronetas toman Campolongo para alimentar as festas do barrio
Cun marcado carácter gastronómico. Así comezaron as festas de Campolongo. Centos de persoas pasaron este sábado polo barrio para unirse a unha celebración que, xunto cunha ampla oferta de foodtrucks, ofreceu música e moita diversión.
Cinco foodtrucks, furgonetas ou caravanas reconvertidas en restaurantes sobre rodas, ofreceron as súas suculentas propostas gastronómicas. Laconlover, Comecamiños, Panpiragua, Los tacos del rey e Madalenas de colores foron as gastronetas que participaron na festa.
Ao longo do sábado, ademais, os máis pequenos puideron gozar de inchables e numerosas actividades como talleres de pintacaras, globoflexia e xogos populares. Houbo tamén tempo para exhibicións de zumba, esgrima, ioga ou lindy hop.
La transición de PontevedraViva Radio foi outro dos atractivos coa gravación en directo do programa conducido por Óscar Cruz que, acompañado do premio Mestre Mateo á mellor serie web, contou coa colaboración de Pedro Brandariz, Javi Lopa e Jorge Fenda e a actuación de Cora Sayers e Brotasol.
Os concertos de Charanga Mekanica, Recambios Tucho e The Trunks completaron a programación festiva do sábado.
Este domingo, ademais do campionato de fútbol para nenos dos colexios Campolongo e Crespo Rivas, haberá unha laconada, unha foliada a cargo de Pousos de Area, celebrarase o torneo de petanca Memorial Fernando Viéitez e poñerase o broche de ouro cunha chocolatada popular.