Os estudantes de Enxeñería Forestal achéganse ao proceso de compostaxe
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue no seu labor informativo a estudantes. Se hai dous días os máis pequenos tiñan a súa primeira toma de contacto coa tarefa da compostaxe, este luns 19 de marzo foron os universitarios os que puideron achegarse de preto a este proceso cada vez máis presente na cidade.
Por primeira vez, os alumnos da materia de Xestión Ambiental do grao de Enxeñería Forestal puideron ver in situ o traballo realizado polos técnicos na planta situada no campus universitario. Os profesionais puideron profundar en asuntos técnicos ao dirixirse a unha audiencia máis especializada, explicando os métodos de medición e os procesos químicos presentes na elaboración do compost.
Os estudantes mostráronse participativos, e mesmo suxeriron solucións a algúns problemas aos que teñen que enfrontarse os técnicos, como a humidade causada pola auga que se filtra na estrutura de almacenaxe do estruturante durante longos períodos de choiva.
Mariña Lobelle, técnica de xestión de residuos da Deputación de Pontevedra, explicaba que o centro de compostaxe do campus ten unhas peculiaridades que o diferencian dos comunitarios, colocados en zonas como Eduardo Pondal para o uso veciñal.
O composteiro situado no campus está dirixido a produtores singulares, neste caso o comedor da facultade de Ciencias Sociais e a cafetería da facultade de Forestais. Como consecuencia, a cantidade de residuos xerada é moito máis alta que a dos fogares pontevedreses. En total son entre 130 e 190 litros diarios de biorresiduos os que se achegan ao composteiro.
Ademais, o tipo de residuo é diferente, xa que se refuga máis cantidade de carne e peixe, o que eleva a presenza de nitróxeno. Por ese motivo o proceso de elaboración é máis coidado coa finalidade de que todo o compost xerado na cidade teña as mesmas características.
Relacionadas:
-
Veciños contra o composteiro de Eduardo Pondal: "Que digan la gente que no lo ha pedido"
Por Natalia Puga & Clara Alonso |
-
O goberno local considera que Moreira acabou "metendo nun lío" á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
O PP critica o "fracaso estrepitoso" do plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os máis pequenos tamén fan compostaxe
Por Sara López Lago & Mónica Patxot |
-
Eduardo Pondal inaugura a súa central de compostaxe
Por Alejandra Iannone |