A promoción turística da provincia desembarca en Madrid da man de Carmela Silva e Xabier Fortes
Por Redacción
A Deputación congregou este martes no Teatro Rialto, en plena Gran Vía madrileña, a centos de persoas que acudiron para coñecer, de primeira man, os atractivos turísticos da provincia de Pontevedra.
Da man da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do xornalista pontevedrés, Xabier Fortes, un nutrido grupo de turoperadores, coñecidos xornalistas de medios nacionais xeneralistas e especializados, bloggers, influencers e instagramers, coñeceron as múltiples "historias" que ofrece este ano o destino Rías Baixas.
A campaña promocional desembarcou no Teatro Rialto acompañada da música de Najla Shami, de vídeos que amosan os eixos do patrimonio na provincia , e da degustación gastronómica de produtos como as volandeiras, os mexillóns, xurel, crema de grelo, lacón á feira, vapor de cocido galego, empanada, cañas de crema de mel, queixo con marmelo e bica, acompañados de vinos da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Carmela Silva destacou que "vivimos una época dorada en el destino Rías Baixas" despois de pechar 2017 con récord de visitantes "y esperamos un 2018 espectacular".
O primeiro dos vídeos que se proxectaron no evento promocional foi "Somos historias", o vídeo de lanzamento da campaña de Turismo Rías Baixas, no que María Vinyals é o eixo argumental.
E, xunto ao patrimonio cultural, arqueolóxico e paisaxístico, presentáronse outras moitas historias relacionadas coas Rías Baixas. Deste xeito, destacáronse as festas etnográficas, gastronómicas e de recreación histórica como a Arribada de Baiona, do desembarco vikingo nas Torres de Catoira, da Feira Franca pontevedresa ou da Rapa das Bestas de Sabucedo na Estrada.
A presidenta da Deputación tamén falou do patrimonio natural, destacando as Illas Cíes e Ons, os ríos, bosques, montes como o Seixo dende o que divisar as tres Rías Baixas en días despexados.
Tamén se deu a coñecer en Madrid a visión de múltiples escritores, desde a antigüidade ata os nosos días, sobre a provincia de Pontevedra.
A presentación "virtual e sensorial" deste destino rematou coa degustación de produtos gastronómicos da provincia.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Xabier Fortes será o encargado de dirixir 'Los desayunos de TVE'
Por Redacción |
-
Carmela Silva anima os turistas a gozar da "máxica" choiva das Rías Baixas
Por Noelia Torres Pintos |
-
Carmela Silva aposta polo turismo sustentable ante a Fundación Goberno e Democracia Local
Por Redacción |
-
A provincia vai promocionarse con 'Somos historias' en Madrid
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira incrementa as súas cifras na provincia respecto o ano anterior
Por Alejandra Iannone |
-
A Deputación constitúe a Mesa do Turismo con representantes do sector público e privado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación organiza as rutas gratuítas "Camelias e xardíns históricos"
Por Oskar Viéitez |