Cidade de México enviará unha carteira de investidores interesados en Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra e Cidade de México xa están unidas por un protocolo de colaboración en materia económica. Foi asinado na última xornada da delegación pontevedresa na capital azteca.
O convenio foi rubricado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías e o secretario de Desenvolvemento Económico, José Francisco Caballero García, ante a presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Tanto Fernández Lores como o secretario mexicano destacaron a importancia do acordo que, no caso da Boa Vila, permitirá importantes oportunidades comerciais.
Cidade de México, segundo Caballero, atópase inmersa nun proceso de reorganización política e ten como prioridade a recuperación dos seus espazos públicos. De aí, a importancia de mirar cara cidades como Pontevedra que poderán servir de inspiración para actuacións nas distintas colonias ou delegacións da capital mexicana, que ten 8 millóns de residentes.
Ademais, o secretario tamén apostou por compartir investimentos, especialmente naquelas industrias limpas que está a desenvolver a cidade, como a farmacéutica, chegando incluso a realizar misións comerciais tanto de empresarios mexicanos a Pontevedra, como á inversa.
A intención da Secretaría é enviar, nas vindeiras semanas, unha documentación coa carteira de inversores mexicanos interesados no acordo ratificado hoxe.
Outro dos asuntos aos que se referiron os responsables políticos foi o turismo. De feito, a delegación de Pontevedra trasladoulle ao departamento de desenvolvemento económico, que Pontevedra está a buscar investimentos hoteleiros, un sector moi potente no país latinoamericano.
Anabel Gulías destacou que "temos unha cidade preparada para recibir esa inversión, levada, sempre, por canles institucionais e con garantías".
A sinatura deste acordo é froito da visita realizada polo Concello de Pontevedra a Cidade de México o pasado mes de agosto no marco da celebración de ExpoPymes, momento en que Pontevedra visitou a capital nunha misión comercial, acompañada de dez empresarios locais, e na que se abriron as portas para fortalecer a colaboración entre as partes.
O protocolo, que terá unha vixencia de dous anos, pretende formalizar unha relación bilateral para o crecemento de oportunidades económicas entre ambas partes, especialmente nas industrias máis avanzadas, a través do comercio, o investimento e a innovación.
Os obxectivos que se buscan son desenvolver e implementar iniciativas conxuntas e coordinadas nas exportacións e investimento estranxeiro, innovación e investigación, educación e capital humano, transferencia de coñecemento e innovación para ampliar as oportunidades de negocio e fortalecer os lazos culturais, históricos e económicos.
Relacionadas:
-
Lores negociará cun grupo investidor mexicano para ofrecer o solar para hotel en Tafisa
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local continúa o seu labor "evanxelizador" do modelo de cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Tres intensas xornadas agardan a Pontevedra en Cidade de México
Por Redacción |
-
México e Pontevedra estreitarán lazos culturais e gastronómicos no Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por María López Verdial |
-
Pontevedra volve a México para expor o seu proceso de transformación no Mextrópoli 2018
Por Anxo Lourido |